ConcellosÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

A Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño traslada as súas datas ao 19 e 20 de marzo

Boteiro da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a organización do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask de Viana do Bolo e Vilariño de Consoo vén de anunciarse o aprazamento deste evento, inicialmente previsto do 27 ao 30 de xaneiro de 2022, para a primavera.

“Ante a difícil situación epidemiolóxica que estamos a vivir, tanto as asociacións Robreda e Xuntos polo fulión como os concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso resolvemos pospor a celebración de ViBoMask 2022. Coidamos que é o que procede nestes momentos complicados e o noso desexo é aprazala á fin de semana do 19 e 20 marzo”, tal e como informa a organización da mascarada.

Ademais, explican que “a razón de escollermos esas datas é, non só esperar que as condicións sanitarias melloren, senón tamén respectar o calendario festivo dos diferentes grupos participantes e que o evento teña lugar durante o ciclo de inverno, é dicir, o que lles é propio ás mascaradas, entroidos e demais carnavais rurais”.

Dende a organización da ViBoMask piden tamén “desculpas a todos os grupos participantes e a quen tiña intención de asistir por este aprazamento, mais tamén queremos agradecer o voso compromiso e lealdade con este proxecto. Tede por seguro que nada nos vai alegrar máis que volver a contar con vós en Viana do Bolo e Vilariño de Conso para gozar xuntos das tradicións e da riqueza e entendemento que xeran. Agardamos que desta vez vaia todo ben. Ata entón, paciencia e moito ánimo”, conclúen.

Artigos relacionados

Back to top button