CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

A Muradella, na serra lucense do Moncai, un xacemento prehistórico unico na península ibérica

A intervención arqueolóxica que vén de rematar conclúe, a falta da datación das mostras recollidas, que se trata dunha espectacular estrutura megalítica tipo "cairn"

Vista aérea do xacemento da Muradella, situado entre A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos./ Foto: Proxecto A Muradella.

 

Aparentemente A Muradella semella un simple amontoamento de numerosas pedras de cuarcita na serra lucense do Moncai, no límite entre A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos. Pero precisamente son esas pedras as que revelan de maneira sorprendente o remoto e interesante pasado deste lugar, contando, á vez, dous relatos ben diferentes. Un deles é o da orixe desta espectacular estrutura, que se vén a identificar como un cairn ou túmulo funerario megalítico na escavación arqueolóxica realizada do 18 ao 26 de xullo. O segundo é o do seu antigo expolio.

Isto converte á Muradella nun xacemento único no conxunto da Península Ibérica e conéctao coa cultura atlántica do Neolítico. “Non é o primeiro cairn que se descobre na península, sen embargo, os que temos son moi pequeniños, máis tardíos, como do Calcolítico, da Idade do Bronce. A da Muradella é unha estrutura espectacular, son 12 metros cun anel peristáltico facendo de muro de contención de todo o volume de pedra que hai no interior. E, no centro, por unha cara ten unha abertura natural na rocha e, pola outra, ortostatos (bloque ou lousa vertical que forma as paredes do túmulo) pechando unha especie de cámara, pero aínda non nos atrevemos a chamala así porque non se trata dunha cámara ao uso”, explica o director da escavación, o prehistoriador Rodrigo Paulos Bravo.

Non existen paralelos deste tipo de estrutura megalítica na península, pero si na Europa Atlántica. “En toda a costa oeste francesa están máis que documentados os cairns, no sur de Gales, en Irlanda… Sabemos que son áreas conectadas porque temos materiais vidos dalí e alí hai materiais de aquí, existía un contacto directo, entón as características que se revelaron na escavación a todos nos fan pensar que, a falta das datacións das mostras recollidas, efectivamente se trate dun monumento megalítico tipo cairn, descartando a outra hipótese coa que partía a intervención: a dun asentamento altomedieval “, indica o director da intervención.

Ademais, no decurso da escavación os veciños aportáballe ao equipo, do que forma parte Xurxo Ayán, valiosa información. “Por exemplo, unha señora maior da aldea de Fornelas contounos que cando era nena no centro da Muradella había unha gran pedra chaira na que se podía subir a bailar, o que nos indica que iso tivo tapa nalgún momento e desapareceu. Todo se aliñea para que poidamos afirmar que efectivamente se trata dun cairn, faltan as datacións que sería cientificamente xa darlle remate á hipótese e convertelo en teoría fundamentada”, asegura Rodrigo Paulos.

 

Escavación arqueolóxica no xacemento./ Foto: Proxecto A Muradella.

 

Un monumento funerario diferente ás mámoas

Malia que o cairn é un monumento funerario, é diferente a unha mámoa. E así o comprobaban os investigadores na Muradella. Fronte ao montículo de terra propio das mámoas, o dos cairns é de pedras. Ademais, “no mundo atlántico, cando as acumulacións de túmulos teñen un cairn, este ocupa o punto máis alto a partir do cal se colocan, radialmente, as tumbas. É dicir, úsase como punto central arredor do cal se sitúan esas tumbas. Hai outros cairn que ocupan o punto máis alto dun territorio e todas as necrópoles que hai nesa zona teñen como unha vasalaxe visual de intervisibilidade co cairn, que podería ser o caso da Muradella. A Tumba da Raíña Maeve en Irlanda e o cairn de Carrowmore cumpren esa mesma función. Non ocupan medias ladeiras de montes baixos ou colinas con potencialidade agrícola, senón que buscan zonas moi altas, promontorios importantes con gran control visual e intervisibilidade con outras necrópoles”, explica Bravos.

E esta funcionalidade encaixa perfectamente cos datos recollidos polo equipo antes da intervención neste xacemento. “Fixemos para o proxecto unha análise de concas visuais cun sistema de información xeográfica e resultou impresionante. O 100% dos túmulos nun radio de 15 km estaban agrupados nas zonas nas que había visibilidade con A Muradella, nas zonas sen visibilidade non hai túmulos. E incluso a 30 km, máis do 80% dos conxuntos tumulares ocupan as zonas de intervisibilidade con A Muradella”, lembra o director do proxecto.

Ademais a identificación deste monumento prehistórico xera novos interrogantes. “A pregunta e se este cairn é un caso único. Eu dubido de que o sexa, de feito xa estamos con contactos locais doutros sitios, coñecendo xacementos parecidos e comprobando se estivemos confundindo isto con torres de vixilancia ou outro tipo de xacementos”, matiza Rodrigo Paulos.

 

Outra imaxe deste monumento megalítico durante a intervención./ Foto: Proxecto A Muradella.

 

Cun poboado asociado?

Malia que duraba pouco máis dunha semana, a escavación arqueolóxica resultaba moi froitífera e non faltaban as sorpresas. Durante a prospección xeomagnética realizada no campo cercano ao cairn víase o sinal de dous semicírculos, un máis tenue e outro máis forte, “que é o sinal típico dun enclosures do neolítico, que son os poboados con recintos de foxos, pechados por un parapeto e un foxo. Iso deixounos absolutamente sorprendidos, vense perfectamente dous semicírculos, ademais na parte máis alta do Moncai, como a 20 m da estrutura e cun diámetro bastante máis grande, parece unha zona de habitación”, sinala Rodrigo Paulos.

A súa intención era plantexar unha sondaxe na para esclarecer este achádego, pero non puido ser. A intervención interrómpeuse ao xurdir un problema cos lindes que afectaba á titularidade do terreo, situado entre as parroquias de Santa Comba de Fornelas (A Pobra do Brollón) e A Parte (Monforte de Lemos). Polo de agora, “a escavación quedou conxelada, así que nos quedamos con esa incógnita de se efectivamente é o que cremos”, engade o seu director.

Un cairn expoliado

A investigación realizada na Muradella revelaba outra sorpresa que lle confire máis singularidade ao lugar. “Gárdase perfectamente o primeiro momento de construción do cairn, que sería o anel de contención exterior e de amontoamento de pedras sobre a cámara central, e unha segunda fase que é a do expolio, vese perfectamente ademais por onde entran. Nun momento dado un grupo de xente decide chegar ao centro da estrutura, e vaia se o fan, botan cara fóra dos aneis os montóns de pedra”, conta Rodrigo Paulos.

Cando o equipo arqueolóxico abría a trincheira para escavar, o que se atopaba de exterior a interior era o seguinte: “o amontoamento de pedras que xurdiu do expolio apoiado contra o exterior do anel de suxección, o anel peristáltico de contención, o amontoamento de pedras orixinal do cairn e un centro bastante baleirado incluso de terra xeolóxica. En moitos casos chegaron á pedra natural buscando a abertura e a cámara central ou oco”, comentan.

Ademais os investigadores cren que se trata dun expolio moi antigo. “As mámoas galegas son expoliadas nos séculos XVI, XVII, XVIII e XIX, pero aquí poderíamos estar falando dun expolio altomedieval, de época romana ou incluso anterior, entón interesábanos moito tamén datar ese momento, do que tamén recollemos mostras. Pode darnos información moi interesante, poderíamos estar vendo o contexto social no que se produciu”, engade o director da escavación.

 

Detalle da escavación realizada en xullo na Muradella./ Foto: Proxecto A Muradella.

 

E o efecto do expolio sobre o monumento megalítico podería explicar a orixe do topónimo de A Muradella. “Ao ser moi antigo”, matiza Rodrigo Paulos, “podería ter producido unha ruptura na tradición oral porque todo este folclore galego dos mouros créase a finais da Idade Media. Pero se nese momento esta estrutura xa estaba derruida e coa súa apariencia actual de círculo de pedra, é moi probable que non a recoñeceran como unha mámoa. Ademais aquí a veciñanza chama muradella a calquera acumulación de pedras informe, ten sentido que o topónimo faga referencia ao montón de pedras e non tanto á súa funcionalidade ou orixe medieval”.

Xornada de portas abertas, o 31 de xullo

A intervención arqueolóxica que vén de concluír estivo promovida pola Asociación de Veciños de Cereixa María Castaña e pola Asociación Veciñal A Fonte da Freita de Fornelas, co apoio doutras entidades como a Deputación de Lugo, a Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Complutense de Madrid.

Logo dunha intensa e acelerada escavación, na que o equipo de investigadores se volcou para poder cumprir os obxectivos científicos nun tempo menor do inicialmente previsto, os seus resultados daranse a coñecer á veciñanza nunhas xornadas de portas abertas previstas para esta fin de semana. Será o 31 de xullo e comezará cunha visita guiada ao xacemento pola mañá e, a partir das 19h., haberá conferencias na igrexa de Fornelas.

Artigos relacionados

Back to top button