CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A obra teatral “As Alumnas”, este domingo no Auditorio de Quiroga

 

A Comisión que organiza os festexos e eventos do municipio decidiu deixar unha das actividades organizadas para a celebración do San Martiño, patrón da vila de Quiroga, para a fin de semana. Trátase da representación da obra teatral “As alumnas”, que terá lugar no Auditorio Municipal a partir das seis da tarde. Trátase dun  espectáculo dirixido por Fina Calleja, con texto de Paula Carballeira, e con Anabell Gago e Mónica Camaño no elenco.

Dirixido a un público adulto, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Porén, son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

A directora Fina Calleja é membro da compañía Sarabela Teatro dende 1998. Mestura a actividade escénica con diversos traballos nos medios de comunicación e é unha cara ben coñecida polas súas intervencións en series de televisión como Padre Casares.

Pola súa banda unha das protagonistas, Paula Carballeira, dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994, participando tamén en varios programas da TVG como Libro de Familia ou Pequeno Hotel. A outra protagonista, Mónica Camaño, traballa desde 1980 como actriz e directora e, ao longo da súa ampla traxectoria, obtivo numerosos premios polo seu traballo. Esta actuación forma parte do programa Fala Redes, da Consellería de Política Lingüística que a Xunta de Galicia trae ao municipio en colaboración co Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button