OurenseÚltima hora

A ourensá Arancha Nogueira gana o XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo con “Antese”

A ourensá Arancha Nogueira./ Cedida.

 

O XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoranos en colaboración co Concello de Gondomar e Editorial Galaxia, vén de facer público o seu fallo. O seu xurado (formado polas escritoras Úrsula Heinze e Eva Mejuto, e os escritores Carlos Lema, en nome de Editorial Galaxia, Miguel Anxo Mouriño, polo do IEM, e Fran Fernández Davila, gañador da XII edición) resolve por maioría que o libro gañador desta XIII edición sexa o presentado co título de “Antese” que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría da ourensá Arancha Rodríguez Fernández, máis coñecida como Arancha Nogueira.

“O xurado valora que se trata dunha obra de diálogo interxeracional construída sobre unha forma actual que combina levidade e fondura, onde se atopa unha voz perfilada e madura capaz de sintetizar dunha forma accesible situacións e sentimentos tremendamente complexos. No poemario destaca, dende a propia elección do título, o uso experto da lingua, así como da natureza cativa dun xardín como ferramenta e testemuña da liberación da alma humana a través da poesía. Saliéntase tamén a unidade temática, o ton sutil e reivindicativo do libro e a patente depuración de cada un dos versos usados, que medran en capacidade evocadora segundo se avanza na lectura”, segundo informan dende a organización do concurso.

Asemade, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas “Fío”, “O círculos incompletos”, “Funámbula na fronteira”, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

O acto de entrega do premio e a presentación do libro, publicado por Galaxia, terá lugar no mes de marzo de 2022, nunha data aínda por confirmar, pero que será arredor do día 13, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, durante os meses de xaneiro e febreiro de 2022, a gañadora impartirá un obradoiro presencial de poesía en Gondomar, para o que se abrirá o prazo de inscrición nas próximas datas.

Arancha Nogueira

Arancha Nogueira (Ourense, 1989), é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago, cun mestrado en Literatura Comparada e Crítica Cultural e outro de Educación. Viviu en Madrid, O Porto, Sevilla, Belfast, Santiago de Compostela e Ourense.

A súa obra poética foi recoñecida con diversos premios nos últimos anos, como o Francisco Añón de Outes en 2013, o premio de poesía da Universidade de Vigo en 2016, o Mazarelos da Universidade de Santiago de Compostela en 2017 e 2018 e, en 2019, o Johán Carballeira do Concello de Bueu. Como poeta, publicou “Andar descalza”, (Premio Francisco Añón 2013), “o único lugar onde ficar inmóbil” coa (Editorial Urutau),”spleen en catro tempos” con Toxosoutos, “a comparsa e os ourizos” (Leite Edicións), “#hashtags para un espazo/confinamento agónico” (Edicións Positivas) “edente de leite”, (Premio Johán Carballeira, publicado por Ed. Xerais, en 2020). Recentemente estreouse tamén como narradora coa obra “A mestra corremundos”, dirixida ao público infantil e xuvenil, e publicada por Cuarto de Inverno.

Artigos relacionados

Back to top button