EconomíaEconomíaÚltima hora

A partir do venres poderán pedirse as axudas de 250 euros do bono alugueiro mocidade

A conselleira de Medio Ambiente salienta que estas subvencións, cun orzamento de 22,8 M€ para este ano e o que vén, beneficiarán como mínimo a ao redor de 3.800 mozos galegos

Publicidade

 

A partir deste venres, 1 de xullo, a Xunta abrirá o prazo para poder solicitar as axudas de 250 euros ao mes do Bono de alugueiro mocidade, un programa que se convoca este ano por primeira vez e está dirixido a facilitar ao colectivo de entre 18 e 35 anos o pago da renda da súa vivenda habitual.

Así o explicou hoxe en Noia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que percorre diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Con respecto á inminente convocatoria do novo Bono alugueiro mocidade, sairá publicado no DOG este xoves e se poderá solicitar a partir do día seguinte. Cun orzamento total de 22,8 millóns de euros a dividir entre este ano e 2023, a conselleira explicou que os inquilinos menores de 36 anos, con ingresos regulares e que non superen os 24.318,84 euros poderán acceder a unha axuda mensual de 250 euros —sempre que esta contía non supere o importe do arrendamento— durante un período de 2 anos.

Tras anunciar esta nova medida, coa que se espera chegar a ao redor de 3.800 mozos galegos, Ángeles Vázquez subliñou que no mes de xullo tamén se convocará o bono de alugueiro social, un programa dirixido aos colectivos máis vulnerables da Comunidade e grazas ao cal o Goberno galego seguirá asumindo o 100% do custo do arrendamento das persoas beneficiarias.

Ademais, por primeira vez, explicou que se prevé a posibilidade de incrementar nun 20% o importe máximo da renda de alugueiro, e polo tanto, do bono —ata chegar aos 660 euros mensuais— cando a unidade de convivencia estea composta por 5 ou máis persoas. Tamén se aplicará esta mesma porcentaxe se un dos membros da unidade familiar precisa dunha vivenda adaptada.

Bo ritmo de solicitudes

Así mesmo, a conselleira incidiu na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos en materia de rehabilitación de vivendas, outro dos apartados nos que en 2022 está previsto mobilizar un número importante de axudas directas e incentivos para apoiar a concellos e cidadáns no impulso de actuacións para a recuperación do patrimonio xa construído.

Artigos relacionados

Back to top button