O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, trasladará ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable as demandas da Plataforma Dereito ao Tren. Nunha reunión mantida esta tarde na Subdelegación do Goberno con membros do colectivo, que reclaman máis frecuencias de tren na estación da Gudiña, Eladio Santos indicoulles que “se está traballando en permanente contacto cos alcaldes e alcaldesas da zona” para mellorar os servizos.
“O Goberno de Pedro Sánchez trouxo a Alta Velocidade a Galicia, despois de que o proxecto estivera anos parado, o que, xunto aos descontos nas tarifas, fixo que a demanda deste medio de transporte aumentase moito máis do esperado. Este forte incremento precisa axustes e niso estase a traballar, escoitando a tódolos axentes implicados”, explicou o subdelegado do Goberno.