EconomíaEconomíaÚltima hora

A produción resineira e a multifuncionalidade do monte galego

Estase a desenvolver a xornada final de exposición de resultados do Grupo operativo Acrema en Lugo

 

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na inauguración da Xornada final de exposición de resultados do Grupo operativo Acrema, celebrada na Escola Politécnica Superior de Lugo. Na súa intervención destacou o labor da produción resineira en prol da multifuncionalidade do monte e o fomento dos recursos forestais non madereiros, tal e como se contempla no Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Tamén, José Luis Chan indicou que, grazas a este aproveitamento, ao mesmo tempo que se produce, estase a crear emprego de calidade, o que se traduce en fixación da poboación rural. Todo isto sen descoidar a sinerxía coa prevención de incendios forestais e a compatibilidade co resto de aproveitamentos forestais.

Así mesmo, o director xeral lembrou que coa publicación do decreto de aproveitamentos forestais, no que se regula por primeira vez en Galicia o aproveitamento da resina, a Consellería do Medio Rural deu resposta ás peticións demandadas polo sector. Do mesmo xeito, destacou a aposta que está a facer o Goberno galego a prol da preparación dos montes que despois se resinarán, no marco da convocatoria por case 10 millóns de euros de accións silvícolas que vén de ampliar o seu prazo de solicitude deica o 10 de abril.

Tamén aludiu aos 9 millóns de euros en achegas da Axencia Galega da Industria Forestal para investimentos en maquinaria e instalacións, cuxo prazo de solicitudes remata este venres 17 de marzo. Neste caso, poden subvencionarse bens de equipo e instalacións de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de resina.

Posteriormente, a xornada continuará ao longo do día con diversas charlas que abordarán temas como a produtividade e optimización dos sistemas de extracción de resina, os efectos da resinación sobre o crecemento, defensas e reprodución das árbores ou os métodos de análise da calidade da resina , entre outros. Así, contarán con expertos de entidades como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, as universidades de Santiago de Compostela e Vigo, a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) de Lugo, a consultora ambiental Foresin e o asturiano Centro Tecnológico Forestal y de la Madera (Cetemas).

Artigos relacionados

Back to top button