
España saía a ganar esta noite e demostrábao claramente xa dende os primeiros segundos do partido contra Eslovaquia, o terceiro que disputa no Eurobásket feminino en La Fonteta (Valencia). Moi agresivo en defensa e con ataques perfectos, o equipo que dirixe Lucas Mondelo, seleccionador de orixe valdeorresa, remataba o primeiro cuarto do xogo cun marcador de 21/13.
Xa no segundo cuarto Eslovaquia reaccionaba e entraba con forza no partido con acertados tiros de 3 e remontando claramente ata chegar a situarse a só 3 puntos de España, que recuperaba cara o final chegando ao descanso cunha vantaxe de 7 puntos: 39-32.
O combinado español regresaba con forza nun brillante terceiro cuarto que finalizaba cun marcador de 64 a 45 e enfiando o final do encontro cunha notable vantaxe, que superaba os 20 puntos, e que remataba cun rotundo marcador de 93 a 61. Este resultado deixa a Eslovaquia fóra do campionato europeo.
Aemais este triunfo sitúa a España no segundo posto do grupo A, que lidera Bielorrusia (quen vencía hoxe a Suecia por 54 a 78), con dúas vitorias. A selección de Mondelo volverá de novo á pista mañá ás 21h. para xogar os oitavos de final con Montenegro, no que loitará polo seu pase a cuartos de final neste Eurobásket 2021.
