BaloncestoDeportesÚltima hora

A selección española, que dirixe o valdeorrés Lucas Mondelo, domina a Suecia no Eurobásket feminino

Tras a derrota de onte fronte a Bielorrusia, España recuperaba o pulso e ganaba por 76 a 55

O seleccionador Lucas Mondelo, durante o partido contra Suecia.

 

A selección española brillaba na pista do Eurobásket feminino, que se está a desputar dende o 17 de xuño en Valencia. Tras a estrea de onte fronte a Bielorrusia, na que se lle escapaba a vitoria por tan só 2 puntos nos últimos segundos, o equipo que dirixe o técnico de orixe valdeorresa Lucas Mondelo saía con forza e claramente pola vitoria fronte a Suecia.

O combinado español, do que forman parte as xogadoras ourensás Raquel Carrera e Paula Ginzo, recuperaba o seu ritmo habitual de xogo e facía gala da súa férrea defensa xa dende o primeiro cuarto, impedindo a anotación do equipo sueco e adiantádose no marcador ata concluílo cunha vantaxe de 21 a 9.

 

Lucas Mondelo coas xogadora das selección nun dos tempos mortos do partido do Eurobásket contra Suecia.

 

A partir de aí España mantiña a súa excelente defensa e o seu bo ataque, ao mesmo tempo que xogaba con fluidez ata chegar a metade do partido cun resultado de 47 a 17.

Tras o descanso, Suecia tentaba recuperar o ritmo do partido buscando reducir a diferenza de puntos, pero topábase, novamente coa defensa e o contraataque das españolas que lograban manter as distancias e finalizaban o partido cun marcador de 76 a 55, é dicir, con 21 puntos de vantaxe.

O seleccionador español, da familia barquense dos Careca, estaba arroupado dende as bancadas por membros da súa familia.

Mañá será xornada de descanso para a selección española, pero o domingo o equipo de Lucas Mondelo enfrontarase a Eslovaquia nun partido clave para que España poida quedar primeira de grupo.

 

O barquense Pedro García, tío de Lucas Mondelo, antes dun dos partidos do Eurobásket feminino en Valencia./ Cedida.

Artigos relacionados

Back to top button