SanidadeÚltima hora

A Semana Mundial da Lactación Materna

Artigo elaborado pola Comisión de Lactación da EOXI de Ourense, Verín e O Barco con motivo desta conmemoración internacional

Imaxe da campaña lanzada este ano con motivo da Semana Mundial da Lactación por parte da World Alliance for Breastfeeding Action.

 

A Semana Mundial da Lactación Materna proclamada oficialmente por OMS e UNICEF no ano 1992, celébrase en máis de 170 países do 1 ao 7 de Agosto co obxectivo de promover a lactación materna e mellorar a saúde dos bebés. En Europa, para evitar o período vacacional, a celebración terá lugar na primeira semana de Outubro.

O lema para este ano é “Protexer a lactación materna: unha responsabilidade compartida”, campaña lanzada pela WABA (World Alliance for Breastfeeding Action). “…sitúa á diada nai-bebé no centro de tódalas accións e esfórzase por vincular aos diferentes actores do sector da saúde, da comunidade e dos locais…”(FEDALMA – Federación de asociacións de apoio a lactación materna) e incide na necesidade de formar unha CADEIA EFECTIVA DE APOIO Á LACTACIÓN MATERNA; trala chegada da pandemia pela COVID-19 o acceso á lactación materna vese limitado e condicionado pola sobrecarga dos sistemas de saúde e polas esixencias de distanciamento social.

Sábese que máis de 820.000 nenos/as salvarían a vida cada año coa lactación inmediata tralo parto e tamén que mellorar as cifras de lactación materna no mundo podería previr unhas 20.000 mortes maternas/ano por cancro de mama e de ovario.

Aproveitando a proximidade desta celebración a nivel mundial, os representantes da Comisión de Lactación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, queremos dar a coñecer á poboación en xeral e especialmente a embarazadas, puérperas e lactantes os cometidos desta comisión ao tempo que nos gustaría falar da “Guía de Apoio á Lactación Materna para profesionais” que estamos a difundir entre os profesionais da nosa Área.

Esta Comisión, formada en xullo do 2015, reúne a un grupo multidisciplinar de profesionais sanitarios (pediatras, obstetras, enfermeiras, TCAE, matronas, médicos de familia…) pertencentes aos 3 hospitais da Área e do ámbito da atención primaria. Segundo consta no seu regulamento:

A Comisión de Lactación da EOXI de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, constitúese como órgano colexiado de asesoramento da Dirección na normativa de Lactación. A finalidade da creación e funcionamento desta Comisión é a elaboración e difusión dunha Normativa de Lactación e a posta en marcha dun plan de acción para cumprir os 10 pasos para o éxito da lactación materna da OMS-UNICEF, así como propor as medidas que se consideren oportunas para mellorar a práctica asistencial baseada na evidencia”.

Conscientes da necesidade de unificar criterios de atención, iniciouse a elaboración dunha “Guía de Apoio á Lactación para Profesionais”, que se rematou en 2019 e, aínda que por diferentes motivos non se publicou, recentemente comezouse a difundir a través de enderezos electrónicos dunha grande maioría de profesionais.

Trátase dunha Guía adaptada á nosa realidade, estruturada en 9 áreas de traballo (atención primaria, puerperio, paridoiros, urxencias…) e unha última parte formada por Anexos que darán resposta a situacións máis concretas (manexo de afeccións do peito, cultivo de leite materno, conservación do leite, coleito ou alimentación complementaria entre outros).

Na mesma liña da necesidade de unificar criterios de atención e poder cumprir as recomendacións marcadas pola OMS, UNICEF, IHAN para o éxito da lactación materna, outros dos nosos obxectivos son facilitar Formación Actualizada para os Profesionais e realizar un Diagnóstico da situación actual na nosa Área en cuanto a estatísticas de tasas/índices de Lactación.

Ata a data só contamos con datos estatísticos sobre LM no Hospital do Barco onde realizaron varios estudos sobre duración e abandono da lactación e coñecementos das xestantes. Así no último estudo levado a cabo e publicado na revista GOM (Ginecología y Obstetricia Mejico) recóllense datos como que un 62% das participantes quería aleitar ata que puidera ou a criatura quixera, e un 21,5% un máximo de 6 meses. O desexo de aleitar aumentaba nas que xa amamantaran previamente.

A nivel mundial so un 40% dos lactantes de 0 a 6 meses reciben lactación materna exclusiva e as tasas en España tampouco son óptimas, reducíndose do 73,9% ás 6 semanas post-parto ao 39,0% aos 6 meses (Encuesta Nacional de Salud y Nutrición. 2018).

A Formación Actualizada dos Profesionais é a espiña diaria no fracaso de moitas lactacións pola falta de coñecementos actualizados que levan á que fagan recomendacións ás familias contraditorias, sen evidencia… Insistimos na necesidade de cursos de formación/ actualización para tódolos/as profesionais implicados na atención á embarazadas, parturientas, lactantes, etc.

Fomentar a participación e colaboracións cos grupos de apoio locais debe ser prioritario entre os cometidos desta comisión, unha representante dos grupos forma parte desta comisión e participa activamente para acadar os obxectivos. A través dela chégannos experiencias e opinións de nais e familias sobre o apoio que reciben.

Nos últimos meses transmitíusenos o malestar das familias manifestado publicamente en redes sociais e que ten que ver principalmente con informacións e recomendacións contraditorias por parte dos profesionais que as atenden. Consideran que existe unha falta de actualización dos coñecementos de moitos profesionais sobre a lactación materna e polo tanto as súas actuacións non respectan as recomendacións da OMS, UNICEF, AEP,… Así mesmo manifestan o seu enfado por respostas recibidas dende atención ao paciente ás súas reclamacións, respostas que non consideran coherentes as súas demandas.

Dende esta comisión gustaríanos transmitirlle ás familias o noso pesar polos acontecementos que nos refiren e dicirlles que seguiremos traballando para buscar solucións na medida das nosas posibilidades e dicimos isto porque tanto o avance na solución dos problemas como o establecemento de políticas protectoras da lactación dependen maioritariamente da xestión dos responsables da área, é así que as integrantes desta comisión sentímonos frustradas e atadas de mans para poder resolver situacións que realmente beneficien e protexan a lactación porque como órgano somos asesores pero non contamos cos medios para resolver. Unha vez máis remarcamos a necesidade de implicación dos responsables da Area.

Tentando establecer unha comunicación máis efectiva cos profesionais desta Área estamos difundindo un cartel no que aparece o noso enderezo electrónico (Comision.Lactacion.Materna.Ourense@sergas.es ) e para as familias incidimos en que a mellor maneira de resolver calqueira dúbida sobre o aleitamento é contactar coa matrona de referencia, como primeira opción.

Agardamos poder publicar a través doutras canles a “Guía de Apoio para profesionais da Área” dado que tanto o noso anterior xerente, Sr. Julio G. Comesaña, como o actual, Sr. Félix Rubial, recoñeceron o bo traballo efectuado e comprometéronse a darlle continuidade.

Esta Comisión considera que o fomento á lactación materna e o respecto e apoio ás decisións das nais constitúen dous piares fundamentais na humanización, tan necesaria, dos procesos fisiolóxicos que engloban a maternidade (xestación, parto e crianza) e que contan co aval de evidencia científica dispoñible.

O lema “Protexer a lactación materna: unha responsabilidade compartida”, remarca claramente que todos e todas: institucións, profesionais, familias, poboación en xeral debemos protexer, fomentar e apoiar a lactación. Animámosvos a reflexionar sobre esta necesidade e a involucrarvos na rede de apoio tan necesaria.

Finalmente, queremos agradecer a todos/as profesionais e familias e persoas implicadas no éxito de cada lactación materna, porque co esforzo de cada un, por pequeno que poda parecer, conséguense grandes logros de saúde para a nosa poboación.

Texto: Comisión de Lactación da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button