CulturaCulturaÚltima hora

A situación actual do oso pardo cantábrico, analizada nun libro

A Fundación Oso Pardo vén de publicar "Osos cantábricos. Demografía, coexistencia y retos de conservación"

Portada do libro publicado pola Fundación Oso Pardo.

 

É unha das especies máis senlleiras da fauna ibérica. Como especie clave situada na cúspide das cadeas tróficas, o oso pardo “ten un papel crucial para manter a funcionalidade e a diversidade dos ecosistemas onde habita. Ademais, xunto a outras especies ibéricas emblemáticas, como o lobo, o lince ou a cabra montés, o oso pardo cantábrico é un insigne representante da megafauna que ten chegado aos nosos días. Son os últimos testigos dos numerosos mamíferos de gran tamaño do Pleistoceno, que se conservaron en España mellor que nos restantes países do occidente europeo”.

Son as primeiras liñas do texto de presentación do libro “Osos Cantábricos. Demografía, coexistencia e retos de conservación”, que vén de lanzar a finais de abril a Fundación Oso Pardo (FOP). Este traballo achega, co máximo rigor técnico e desde distintas ópticas, a información máis nova sobre a realidade do oso pardo na Cordilleira Cantábrica.

“Nas súas 180 páxinas (estruturadas en 8 capítulos) o lector poderá atopar unha ampla revisión dos temas relacionados coa especie: últimos datos do censo e metodoloxías de traballo máis recentes, unha avaliación verificada sobre os danos a sectores económicos, así como o seu crecente valor como recurso para as economías rurais, unha análise da percepción social deste emblema da conservación, e os novos retos de xestión que se abren ante os escenarios de profunda transformación do medio rural, o incremento do uso recreativo da natureza e o cambio climático”, explican dende a Fundación Oso Pardo.

Cada un dos capítulos conta coa súa propia bibliografía especializada e os textos están acompañados por unha selección de fotografías que ilustran as temáticas abordadas. As imaxes de osos foron realizadas en liberdade na Cordilleira Cantábrica mediante o uso de equipos con longas focales e a distancia suficiente para evitar molestias á especie.

 

 

“Con este libro búscase contribuír á conservación dunha especie que se está recuperando, aínda que aínda non o suficiente para deixar de estar en risco. Cremos que coa intensificación das políticas adecuadas e o mantemento da súa aceptación social, que é exemplar, poderiamos permitirnos acariñar o soño de vela abandonar o perigo de extinción. Para a FOP, este libro tamén forma parte do seu compromiso permanente coa sociedade de trasladar de forma diáfana a información e o coñecemento xerado no desempeño do seu traballo, así como ofrecer novos fundamentos que poidan ser útiles ás administracións na súa xestión aplicada”, tal e como se indica dende a fundación.

No seu derradeiro capítulo afóndase nos retos actuais para avanzar na recuperación da especie, que se está volvendo a expandir por territorios dos que había moito tempo que desaparecera. “Unha maior convivencia entre osos e humanos plantexa a necesidade de aniciparse a posibles situacións de conflito. As futuras complicacións da convivencia poden e deben ser previstas con antelación para esbozar a tempo as mellores estratexias e mitigar os problemas antes de que xeren situacións de difícil control que obstaculicen a boa marcha da recuperación da poboación cantábrica de oso pardo”, tal e como se indica neste traballo.

Os editores do libro son: Guillermo Palomero, presidente da FOP, Fernando Ballesteros, biólogo responsable de proxectos da FOP, Juan Carlos Blanco, doutor en bioloxía especialista en grandes carnívoros e José Vicente López- Bao, doutor en bioloxía e investigador da Universidade de Oviedo. E entre os seus autores atópanse científicos de varias universidades e de centros de investigación españois. Ademais o volume está prologado por Hugo Alfonso Morán, Secretario de Estado de Medio Ambiente, e a súa elaboración contou co financiamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O libro está editado en castelán e en inglés baixo unha licenza Creative Commons (permítese o intercambio, copia ou redistribución gratuíta deste material por calquera medio ou formato, sempre que se realice a apropiada atribución de autoría).

Este traballo pode descargarse de forma gratuíta en formato PDF:
https://fundacionosopardo.org/wp-content/uploads/2021/04/Osos-cantábricos.-Demografía-coexistencia-y-retos-de-conservación.pdf

Artigos relacionados

Back to top button