ConcellosEn portadaÚltima horaViana do Bolo

A web comproenviana.com comeza a funcionar con 87 comercios do municipio

Este proxecto, que aposta polo comercio electrónico, presentarase este xoves ás 20h. na Casa da Cultura

Cristina Fernández, creadora da páxina xunto a Jason, co alcalde de Viana, Secundino Fernández./ Foto cedida.

 

“Consideramos un éxito o resultado desta iniciativa comercial. Iniciativa a que se adheriron ate este momento 87 establecementos comerciais de Viana do Bolo. Poderán incluso adherirse mais no futuro, xa que a páxina ten unha vocación dinámica”, destacan dende o Concello de Viana do Bolo, promotor da web comproenviana.com, unha proposta de Cristina Fernández e de Jason Heaver xurdida no marco da crise do Covid-19.

Este escaparate virtual do comercio vianés presentarase mañá xoves nun acto previsto ás 20h. na Casa da Cultura de Viana. “Esta iniciativa é de balde para todas as as empresas e negocios que teñan establecemento ou desenrolen a súa actividade comercial en Viana do Bolo”, asegura o alcalde, Secundino Fernández, quen tamén indica que “queremos que esta web sirva de referencia aos consumidores tanto de Viana do Bolo e da súa comarca, como aos visitantes ou como non, facelo universal a traveso da rede”.

Con esta iniciativa, o Concello de Viana pretende “pór o noso gran de area para revitalizar a economía da zona, despois do desastroso impacto económico da pandemia do coronavirus. Agora más que nunca tense que apoiar o comercio local. A páxina web será un escaparate da oferta comercial de Viana, polo que se converterá nun elemento de comunicación moi importante. As ferramentas informáticas son un instrumento útil na xestión e difusión de información”.

 

 

A presentación desta nova páxina web contará coa presenza do alcalde, Secundino Fernández Fernández, e dos seus creadores. Ademais están convidados os negocios participantes e a veciñanza.

“Lembramos que debido a pandemia do coronavirus é necesario ir con máscara e gardar as medidas de protección e distanciamento social. Tamén lembramos que o aforo é moi limitado polo que pedimos puntualidade”, indican dende o Concello de Viana.

Artigos relacionados

Back to top button