A D.O. Valdeorras acolle a visita da xornalista especializada no sector do viño, Amaya Cervera, con máis de 25 anos de experiencia, e que en 2023 recibiu o Premio Nacional á Comunicación Gastronómica.
Durante dous días, esta prestixiosa profesional, catou un total de 72 viños procedentes de 16 adegas diferentes, dos cales 39 foron brancos e 33 tintos. Segundo explicou, “o interesante de Valdeorras, máis aló de modas, é ver os matices que a terra pode aportar á variedade godello” e que “o que hai que amosar agora é a capacidade de envellecemento desta uva” para poder falar de gran viño.
Advertía a xornalista especializada que “ás veces, tendemos a ser un pouco obsesivos cando se trata dunha variedade que destaca, como a godello”, deixando de lado outras que tamén deben terse en conta. Neste sentido, advertiu que “a comarca ten moita capacidade para elaborar tintos diferenciados mesmo para explorar variedades máis aló da mencía”.
Spanish Wine Lover
En 2014, Amaya Cervera funda Spanish Wine Lover (SWL). Na súa primeira década, máis de 650 artigos e 500 mencións de produtores de todo o país encheron as súas páxinas, sendo premiada como mellor plataforma online nos International Wine Challenge (IWC) Merchant Awards para España en 2017, 2018, 2019 e 2020. En 2018 tamén recibía o Premio Gourmet Fóra de Serie á Divulgación Gastronómica Online e en Redes Sociais.