
A Xunta vén de informar da resolución das axudas para a mellora de parques empresariais que chegarán a un total de seis concellos da provincia de Ourense, todos eles Concellos Emprendedores, entre os que está O Barco de Valdeorras. Son oito proxectos nos que se investirán ao redor de 700.000 euros.
As axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto, están destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.
O polígono industrial A Raña, no Barco, recibirá unha achega de 120.000 euros para a mellora de infraestuturas.