EconomíaEconomíaÚltima hora

A XXIV Feira do Viño de Valdeorras xa ten cartel promocional

O gañador do concurso é Rubén Lucas, natural de Torreagüera (Murcia), cun traballo que pon en valor o papel das mulleres no eido vitivinícola

 

A XXIV Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará na praza da Viloira (no Barco) os vindeiros 8 e 9 de xullo, xa conta con cartel ilustrador. Un xurado conformado por diferentes profesionais e presidido polo presidente do Consello Regulador, José Ramon Rodríguez, era o encargado de elixir a proposta gañadora, da que é autor Rubén Lucas, natural de Torreagüera (Murcia).

A gráfica do cartel seleccionado resalta o traballo das mulleres no sector vitivinícola, como un dos piares do eido primario. Deste xeito, na imaxe pode verse a contorna dunha muller portando unha cesta de uvas que está inserida no interior do deseño dunha botella de viño. O xurado valorou especialmente a “elegancia” e a “harmonía” da proposta e tamén a posta en valor das mulleres rurais e do seu labor que traslada na gráfica.

O autor da proposta gañadora recibirá un premio de 600 euros. Ata 55 traballos diferentes presentáronse ao concurso que se convocou recentemente para elixir a identidade gráfica da vindeira edición da feira.

 

Membros do xurado

Xunto ao presidente do Consello Regulador, formaron parte do xurado o concelleiro de Turismo do Barco de Valdeorras, Eladio Santos; o fotógrafo do Xornal O Sil, Carlos G. Hervella; a directora do estudio de deseño “Por las ramas”, Verónica Vieira; e o técnico do C.R.D.O Valdeorras, Rodrigo Antonio Enríquez.

Artigos relacionados

Back to top button