OurenseÚltima hora

Ábrese o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega

As persoas interesadas en formar parte das listas poderán apuntarse ata o 2 de maio

 

A Xunta abre hoxe o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de maio, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos, entre outros, en institutos politécnicos, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou como intérprete da lingua de signos.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 32. Delas, 24 listas son para traballar como funcionario interino e outras oito para facelo como persoal laboral. Entre as listas abertas están as de enxeñeiros de camiños, canais e portos, de minas e de montes, veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, enfermeiro/a, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, auxiliar de enfermería ou xefe/a de cociña.

No caso das listas que permanezan pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, sempre poden presentar a solicitude de inclusión.

Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://funcion-publica.xunta.gal, no apartado de ‘Listas de contratación’, que conta ademais cun epígrafe de preguntas frecuentes (FAQ) que responde ás dúbidas máis habituais que se lles presentan ás persoas interesadas en realizar este proceso.

Artigos relacionados

Back to top button