OurenseÚltima hora

Accidentes de tráfico en Monterrei e Barbadás

 

 

Pasadas as nove desta mañá de mércores producíase un accidente de tráfico na estrada que une os lugares de Medeiros e Albarellos, no concello de Monterrei. Unha persoa necesitou ser liberada, polos servizos de emerxencia, do interior do vehículo no que circulaba e co cal sufriu unha saída de vía.

“Ao fío das 09:15 horas, o 112 Galicia recibiu unha chamada de urxencias médicas que informaba dun accidente de tráfico cun coche implicado, na estrada que une os lugares de Medeiros e Albarellos. Ademais, na comunicación engadían que o vehículo quedara envorcado e que había unha persoa, no seu interior, que non podía saír”, segundo informa o 112 Galicia, dende onde, de inmediato, se deu aviso aos Bombeiros de Verín, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil do concello.

Ao remate da intervención, a dotación de Bombeiros desprazada ao punto confirmoulle ao 112 que “a persoa tivo que ser liberada do coche, logo de retirar as fiestras do vehículo, para poder ser trasladada en ambulancia polo persoal sanitario”.

Saída de vía en Barbadás

Por outra banda, unha persoa resultou ferida e tivo que ser trasladada depois de saírse da vía o coche que manexaba, en Barbadás. O accidente tivo lugar ás once e cuarto da mañá na estrada OU-0519, arredor do punto quilométrico 5, en Piñor, segundo informa o 112 Galicia.

Dende o 112 Galicia, notificóuselle a información ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, aos Bombeiros de San Cibrao, ao GES de Pereiro de Aguiar e a Protección Civil de Barbadás.

Artigos relacionados

Back to top button