SanidadeÚltima hora

Acto de entrega do XXII Premio Nóvoa Santos, que outorga Asomega

A ganadora desta edición é Pilar Rodríguez Ledo, vicepresidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG)

 

O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acollía na tarde deste venres 3 de setembro o acto de entrega do XXII Premio Nóvoa Santos que outorga Asociacion de Médicos Galegos (Asomega), entidade que preside o neumólogo trivés Julio Ancochea; en colaboración con Roche.

A ganadora desta edición é Pilar Rodríguez Ledo, vicepresidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), subdirectora da área Sanitaria da Mariña, Lugo e Monforte de Lemos e subdirectora de Humanización, Calidade e Atención ao Cidadán no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

O Comité Científico de Asomega, liderado por Francisco García Río, destacou no momento de facer público o seu fallo que Rodríguez Ledo achegaba unha dilatada traxectoria asistencial, presenza en investigación e innovación, importantes achegas en humanización e un destacado compromiso coa sociedade galega. Por iso, recoñecendo a excelencia de todos os candidatos presentados, concluía que “achega valores diferenciais que complementan e amplifican a traxectoria do Nóvoa Santos”.

Javier Muñiz, catedrático de Medicina Preventiva, glosaba no acto a figura da ganadora. Despois Rodríguez Ledo tomaba a palabra e referíase á Atención Primaria, ás súas múltiples facetas, así como ao seu “carácter integrador e humanizador”, incluíndo ademais referencias á situación da muller na contorna profesional e, como non, á súa condición de galega.

Este XXII Premio Nóvoa Santos presenta unha novidade moi relevante no que se refire á maneira en que se reparte a súa dotación. Por primeira vez na súa historia, como se recollía nas bases que publicou o DOG, dos 12.000 euros con que está dotado á gañadora correspóndelle o 50%. O resto repártese equitativamente entre un proxecto de investigación e unha iniciativa de humanización, neste caso vinculada a Asomega Axuda, elixidos por Rodríguez Ledo.

 

 

En concreto, os receptores desta parte do premio designados pola gañadora son, por unha banda, a moza investigadora do Miguel Servet ISCiii-SERGAS Cristina Núñez González, inmersa no proxecto que leva por título “Nova metodoloxía nano- proteómica para o descubrimento de biomarcadores en soro sanguíneo: diagnóstico precoz non invasivo e clasificación do cancro de mama”, a desenvolver en Lugo; e pola outra, o labor que leva a cabo o centro asistencial San Vicente de Paul de Lugo, dedicado á atención de pacientes con discapacidade intelectual gravemente afectados. A súa directora é Guadalupe da Cruz González.

Tamén interviña o presidente de Asomega, Julio Ancochea, quen expoñía o presente e futuro inmediato de Asomega: creación do Consello Protector (capa institucional), Academia Asomega (capa científica), Asomega Axuda (solidaria), Asomega Nova e Asomega Muller… “proxectos tanxibles e comprometidos”. E, en referencia directa á galardoada, sinalaba que “en Asomega non ten deixado máis que mostras da súa enorme humanidade, da súa xenerosa dispoñibilidade e do seu criterio cabal”.

O acto de entrega dos galardóns estaba presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contaba coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. No seu decurso o presidente da Xunta referíase á atención primaria “como un ámbito fundamental do sistema sanitario público que ten que responder a distintos retos: no ámbito demográfico, ante o avellentamento da poboación; no ámbito clínico, ante o aumento das pluripatoloxías e a cronicidade; e no referente a recursos humanos, cunha escaseza de profesionais, particularmente no ámbito da medicina de familia”.

O presidente do Goberno galego concluíu a súa intervención destacando a traxectoria da galardoada Pilar Rodríguez Ledo, ademais da súa paixón pola docencia e pola xestión sanitaria.

Artigos relacionados

Back to top button