EntrevistasÚltima hora

Adrián Salgueiro: “Persigo a abstracción e a subxectividade e primo o branco e negro”

Este xove fotógrafo verinés, cuxas imaxes teñen sido seleccionadas en certames internacionais, participa no IV Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea da Coruña

Adrián Salgueiro, artista visual de Verín./ Foto cedida.

 

Séntese ligado á fotografía dende ben meniño. “A miña nai mercábame as míticas cámaras analóxicos dun so uso e paseime a infancia facendo fotos a todo e desexando ver o que tiña sacado. Co tempo, o meu mercoume unha cámara Reflex que me deu máis posibilidades e, dende aí, fun evolucionando”, conta o artista visual e fotógrafo Adrián González Salgueiro (Verín, 1998), cuxa obra “Enxames”, unha homenaxe á súa aldea, é unha das seleccionadas no IV Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, que se desenvolverá do 22 ao 31 de outubro na Coruña.

Este proxecto de fotografía e collage supón, en certo xeito, un contrapunto na súa fotografía, na que sobresaen propostas como “Meridiano”, “Transit” e “O Son Na Rúa”, na que experimenta os “límites entre o simbolismo e a abstracción a través do surrealismo, co uso habitual do branco e negro de altos contrastes e xogos lumínicos para transportar visualmente ao espectador a novos lugares que roman a barreira entre a natureza e a imaxinación”.

Así en “Enxames”, unha peza de fotografía e collage, incorpora, entre outros elementos, o color este fotógrafo plantexa “unha exploración etnográfica e persoal da aldea de San Xoán de Enxames, unha parroquia do concello de Vilardevós na comarca de Verín, da provincia de Ourense, cunha poboación de aproximadamente 100 habitantes na actualidade”. Nesta obra Salgueiro propón unha “reconstrucción da imaxe do pasado, a través do recordo e os materiais conservados sobre a vida da miña familia materna na aldea, dende a visión de meus avós, Manuel Salgueiro e Angelita Martínez, nunha contraposición coas novas visións do territorio na actualidade, onde se mantén dende sempre unha “esencia” e un pracer pola vida no rural, semellando unha imaxe proxectada nas verbas de diversos poemas da cultura galega engadidos no proxecto”.

Malia á súa xuventude, Adrián Salgueiro conta xa con obras seleccionadas en certames internacionais como o Virtual Exhibition Reflections by The Holy Art London Gallery (25-31 de maio de 2021) ou o Contrasts International Colective – Millepiani Exhibition Space de Roma en agosto deste ano, ademais de participar en diversas exposicións nacionais e galegas, entre elas unha no Liceo de Ourense.

Salgueiro di que se dan oportunidades aos artistas xoves en Galicia, pero que tamén poderían ser máis e máis accesibles. “Penso que se debería valorar o que se ve e non as valoracións positivas doutras persoas á hora de querer presentarlle unha oportunidade a un artista emerxente”.

 

Imaxe do proxecto “Enxames” de Adrián Salgueiro.

 

¿Que supón participar no IV Intersección? ¿como é a obra que amosas no festival?

Tiven a sorte de que me seleccionaran e estou moi contento porque estas oportunidades son moi necesarias e, ao final, constitúen unha forma de que a cultura siga movéndose, algo fundamental actualmente. E o proxecto “Enxames” que amoso no festival supón algo un pouco excepcional no meu traballo. Acostumo perseguir a abstracción e a subxectividade e, en xeral, primo o branco e negro. Pero para traballar sobre “Enxames”afesteime moito do meu formato habitual e centreime principalmente na cor, con fotografía analóxica, para buscar esa tenrura que eu gardo de todas as miñas vivencias e as persoas presentes na miña infancia no rural.

Ademais incorporas a poesía e xógase cos textos…

Si. Primeiro atopei documentos dos meus avós que me parecían que referenciaban moi ben a súa vida no rural e, entre eles, había libros de poemas que estaban nun estado un pouco deteriorado, con páxinas soltas con poemas que falaban precisamente dunha representación do rural e, de feito, había algúns versos de Curros Enríquez e de Rosalía de Castro que empreguei para activar a obra porque ao final, malia que sexa unha obra visual, penso que visualmente é un documento etnográfico da propia aldea.

En “Enxames” hai fotografía analóxica, pero habitualmente, ¿utilizas a dixital?

Emprego os dous formatos indistintamente, depende do traballo. O dixital ten os seus puntos bos e o analóxico tamén, penso que non é necesario descartar ningún deles e que se complementan moi ben. O analóxico úsoo menos do que me gustaría porque que implica un investimento económico que moitas veces pode ser moi elevado, entón recurro ao dixital xa que axuda a suplir ese problema.

Por exemplo, o proxecto “Meridiano”, con fotografías acuáticas, vese ese contraste máis elevado, eses xogos de luces… Está composto por fotografía dixital e analóxica, non existe unha edición como tal desas imaxes, senón que moitas veces saturo moito as imaxes co flash, con esas luces, para crear os efectos, e tamén para facer que o contraste se eleve, é dicir, eu o que busco principalmente é que as fotografías xoguen co subxectivo. Busco tamén o onírico e penso que cun branco e negro superconstrastado e cheo de sombras e luces podo conseguir iso. Quería que “Meridiano” fose case como un soño e para logralo empreguei o contraste e o simbolismo, e todas estas alteracións que parece que están impresas na propia imaxe axudáronme a conseguilo.

 

Unha das fotografías do proxecto “Transit” de Adrián Salgueiro.

 

Pero aínda así a túa fotografía mantén unha conexión forte con esa realidade, por exemplo, en “Transit”…

Si, totalmente. Eu comecei facendo retratos en cor, aburrinme da cor, e pasei a facelos en branco e negro. E logo veu o de “Transit”, que foi como unha ponte entre a captura da realidade e a nova abstracción que quería plasmar nas imaxes. De feito, nalgunhas fotografías deste proxecto xa comezo a xogar un pouco co subxectivo, por exemplo, hai unha imaxe dunhas mans que parece case un collage, que semella bastante máis irreal. E despois de “Transit” xa vén “Meridiano”, onde me baixo do barco e busco crear simplemente a pura subxectividade.

¿Como se traballa a ampla gama de matices no branco e negro?

A verdade é que hai moito ensaio-erro, aínda que un intento sempre disparar dende o instinto e busco que esas imaxes poidan chegar a un punto no que trascendan o propio proceso creativo e se convertan en imaxes que falen por si mesmas. A cor é algo que se emprega moito para representar a realidade que a min, salvo neste proxecto último de “Enxames”, non é algo que me interese. O que persigo precisamente é evadir esta realidade ou crear unha irrealidade, algo que non sexa real para precisamente trascendela. Para min o real é aburrido e quero facer algo que non sexa o habitual.

Tamén dis que te moves no surrealismo, ¿en que sentido?

Empezo en “Meridiano”, con fotografías nas que hai unha dualidade presentada, unha imaxe que sae un rapaz coa súa forma proxectada no que parece ser un espello pero realmente é a auga. Entón aí xa comezo a presentar diferentes elementos simbólicos do surrealismo, malia que non sexa esencialmente algo surreal, pero gústame etiquetalo como tal porque son novas visións coas que pretendo romper a barreira entre o que é natural e o que é pura imaxinación.

 

Imaxe do proxecto “Meridiano” de Adrián Salgueiro.

 

¿De que maneira utilizas a auga en “Meridiano”?

Quero representala como se fose unha barreira entre dous espazos: o espazo físico, que estaría fóra da auga, e o espazo espiritual que estaría dentro. Por iso cando os suxeitos que eu presento se meten na auga comezan como a presentarse eses xogos de luces, esas variacións que parecen irreais, esa abstracción, esa subxectividade, eses brillos que son completamente irreais e que saen dos corpos unha vez volven outra vez á superficie. Xogo coa auga como se fose un elemento con esencia demiúrxica, que é a esencia que ten o creador do universo, e esa é a esencia que lle permite a un suxeito encontrarse co seu propio espírito e chegar a un equilibro entre o que o físico e o espiritual.

¿En que novos proxectos estás traballando agora?

Hai unha obra de Ortega y Gasset que fala da deshumanización da arte como un punto de vista no que non ten que estar precisamente a representación humana nelas, e, nese senso, estou traballando moito coa natureza. Nun deses traballos en progreso e entre as proxeccións da natureza estou xogando cos efectos da luz e coas súas proxeccións na natura. E, noutro, trato  ese movemento que existe na rúa e experimento con imaxes que están completamente movidas, xogo un pouco coa representación do fantasmagórico, do que nos rodea por así dicilo, pero sempre centrado nesta abstracción, nesta subxectividade que creo que é algo no que me sinto cómodo e que penso manter.

Nun mundo como o actual no que calquera pode ser “fotógrafo”, ¿resulta máis complicado traballar a fotografía que noutras épocas? ¿valórase a fotografía como arte?

Gústame moito un autor que se chama Joan Foncuberta e que fala dunha época actual da postfotografía, pero tampouco creo que iso sexa algo completamente negativo, penso que de aí xurden novas forma de expresión como pode ser a imaxe que se proxecta nas redes sociais, por poñer un exemplo; e iso pode ter tamén as súas cousas boas.

Son dos que pensan que todo vale, e que ao final é unha búsqueda dunha nova expresión. Ademais, traballando coa subxectividade se estivese en contra de que se poidan plantear unhas novas perspectivas subxectivas, estaría como atentando contra min mesmo. O que si é certo é que vivimos nunha época moi nostálxica e case que buscamos, principalmente, esa imaxe que simplemente ataque aos sentimentos a ir ao pasado en lugar de buscar unha percepción diferente, porque a min gústame moito a abstracción e iso é algo que realmente non se está abordando de todo, penso que a realidade nos come.

Texto: A.R.

Fotos: Adrián Salgueiro/https://sqlgueiro.com

Foto dun dos proxectos nos que traballa nestes momentos este fotógrafo verinés.

Artigos relacionados

Back to top button