SanidadeÚltima hora

Adxudicadas por 3.928.315,30 euros as obras do novo edificio de Urxencias do Hospital de Verín

Por vez primeira inclúese no deseño dunha área de urxencias o dobre circuíto preciso para a atención aos pacientes con sospeita de infección respiratoria, destaca Sanidade

Exterior do Hospital de Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O perfil de contratación da Xunta de Galicia ven de facer pública hoxe a a proposta de adxudicación das obras de ampliación do Hospital Público de Verín a favor de ELECNOR SERVICIOS Y PROYECTOS. SAU, por un importe de 3.928.315,30 euros (con IVE) para construír o novo edificio do Servizo de Urxencias e Punto de Atención Continuada (PAC) ademáis doutras actuacións para a mellora enerxética do centro.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa última visita ao Hospital Público de Verín, xa se refería o avance dos trámites. Nela tamén detallou as características da nova construción, de planta baixa e cunha superficie de 1.488 metros cadrados, o que ampliará nun 10% os espazos deste centro hospitalario de referencia para a bisbarra de Monterrei. As obras teñen un prazo de execución de menos dun ano, 11 meses.

O novo edificio, segundo Sanidade, mellorará a funcionalidade destes dous servizos de atención ás urxencias da bisbarra de Monterrei: O Punto de Atención Continuada (PAC) e o Servizo de Urxencias hospitalario, facilitando a súa coordinación e funcionalidade, mediante unha distribución que permitirá xerar distintos circuítos para a atención dos pacientes. Así inclue no seu deseño, por vez primeira nun area de urxencias do noso entorno, o doble circuito preciso para a atención aos pacientes con sospeita de infección respiratoria.

“Unha das principais vantaxes do modelo de ampliación é que non será preciso trasladar provisionalmente ningún servizo, ou acometer obras de adaptación habituais nas reformas dentro dun hospital, xa que só se procederá ao traslado unha vez rematado. Ademais, o novo edificio de Urxencias disporá dun acceso exclusivo, a nivel de planta baixa, cunha área de acceso de vehículos, para recoller ou achegar pacientes, e estacionamento propio. Na entrada situaranse Admisión e Triaxe, para facilitar a derivación a un ou outro dispositivo de urxencias. O PAC, terá dúas consultas médicas e unha de enfermería comunicadas e, próxima ao acceso, unha consulta de atención a sospeitas de infección respiratoria, cunha sala de espera con aseo exclusivos. Pola súa parte o Servizo de Urxencias contará con triaxe, dúas consultas polivalentes, unha sala de curas, seis boxes. Deles un de maiores dimensións para a atención a pacientes críticos e outro, con aseo e espazo previo, para facilitar o illamento de pacientes covid-19”, segundo a consellería.

Ademais contan cunha sala de observación 24 horas, sala de traballo médico, sala de reunións, farmacia, sala de pre-alta, despacho de información a familiares, dormitorios de persoal e demais espazos de apoio para o funcionamento da unidade. A área de persoal estará separada da zona de atención a pacientes, cun acceso rápido aos puntos de atención.

Xunto as obras de ampliación, tamén procederase á renovación da cuberta do hospital e a instalación de paneis fotovoltaicos, que permitirán a coxeneración eléctrica e limitar a dependencia das fontes enerxéticas habituais.

Nos dous últimos anos, no Hospital Público de Verín investíronse máis de medio millón de euros en equipamento, entre o que destaca o novo equipo radiocirúrxico instalado en quirófano; dous novos ecógrafos e a a renovación de todas as lámpadas cirúrxicas. Máis recentemente, mediante un orzamento de 179.080 euros, o hospital completará nos próximos días a total renovación do seu equipamento de camas, mesillas e sillóns de pacientes coa adquisición de 40 unidades de cada un destes equipos.

Artigos relacionados

Back to top button