EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

AEVA presenta un programa de formación en recursos turísticos da comarca de Valdeorras

A campaña organízase arredor de catro rutas con visitas e explicacións sobre historia, patrimonio, enoturismo e natureza e está especialmente dirixido a comerciantes, hostaleiros e adegueiros

 

Que me recomendas visitar? En torno a esta pregunta nace ‘Recomenda Valdeorras’, o programa de formación sobre recursos turísticos da comarca lanzada dende AEVA, que se presentaba na mañá deste luns 20 de marzo na Ponte da Cigarrosa, entre A Rúa e Petín, un dos moitos espazos de interese cos que conta a comarca, e “polo que pasaba a Vía XVIII romana”, dixo a presidenta de AEVA, Araceli Fernández.

Ela mesma explicou que a idea nacía da necesidade de coñecer os recursos cos que contamos para poder vendelos e atraer xente e por ende clientes. “O que non se coñece non se pode aprezar, por iso é importante saber o que temos”, dixo Araceli, asegurando que construír comarca tamén é “coñecela e recomendala”.

 

 

Ese é o espírito desta formación práctica destinada a comerciantes, hostaleiros, adegueiros e profesionais en xeral, aínda que está aberta todo aquel que esté interesado, sobre os recursos turísticos de Valdeorras co fin de que, “aproveitando a súa localización a péde rúa e as súas relacións directas con visitantes, poidan actuar como recomendadores turísticos”.

Este curso enmárcase dentro de AEVAempregáte, un programa de formación anual que cumple a súa quinta edición e realizado co apoio da Deputación de Ourense e Araceli Fernández destacou que o obxectivo é  “facilitar que coñezamos o patrimonio natural e histórico máis próximo, non só por que poida ser bo para os nosos negocios, tamén é bo para a autoestima e o orgullo de comarca”. Coa dinámica de facer as rutas en grupo facilitarase ademais unha convivencia entre axentes económicos que poida alimentar sinerxias e oportunidades de colaboración.

 

Luis Carrón e Soledad Figueroa serán os guías.

 

A formación, que se desenvolverá nos meses de abril e maio, está coordinada por Soledad Figueroa e Luis Carrón, veciños da comarca e guías oficiais de Turismo de Galicia con moita experiencia na posta en valor dos recursos turísticos de Valdeorras, encargados do seu deseño. Eles acompañarán aos participantes en percorridos guiados dándolles claves sobre como introducilos ao público no seu contexto natural, social e cultural. Os negocios que participen recibirán ao rematar un documento cos contidos e mais un distintivo para o seu establecemento coa marca ‘Recomenda Valdeorras’.

Araceli asegurou que se trata dunha “iniciativa pioneira” mentres que Soledad e Luis, presentes no acto, eran os encargados de explicar o programa para o que escolleron catro rutas. “Hai moitísimas máis pero estas parecéronnos as máis representativas”, dixo Soledad, adiantando que cada unha das catro rutas temáticas ten títulos chamativos e realizaranse en tres días diferentes (luns, martes e sábado pola tarde) para adaptarse á dispoñibilidade horaria dos profesionais. “Todas as rutas faranse en autobús cunha duración de catro horas cada día. A participación é gratuita para os asociados de AEVA que terán prioridade á hora de inscribirse. Os non asociados que queiran sumarse deberán aboar unha cota de 10€ por ruta”, puntualizou a guía, lembrando que haberá un límite de 30 persoas por ruta.

Catro rutas

A primeira das propostas ten por título “Fe e feudalismo” (castelos, pazos e templos), e está pensada para coñecer o patrimonio e os acontecementos máis sinalados das Idades Media e Moderna. Esta ruta comezará no santuario das Ermidas, despois deterase no castelo do Bolo, a Torre do Castro e rematará na igrexa de San Miguel de Xagoaza. Será o luns 17, martes 18 e sábado 22 de abril.

 

Santuario das Ermidas, O Bolo./ Foto cedida.

 

In vino veritas” (adegas, covas e vides) é a proposta para destacar o potencial enoturístico de Valdeorras, poñendo no centro o fito de recuperación da caste godello e a diversidade de viños da comarca, ademais do valor etnográfico dos barrios de covas. O percorrido comezará no miradoiro de Chandoiro coa paisaxe do viño en ladeira, continuará cun paseo explicativo polas Pinguelas, na Rúa, e rematará coa visita a unha adega con cova. Os días desta ruta son o luns 24, martes 25 e sábado 29 de abril.

 

Cova de Adega Melillas, A Rúa./ Foto cedida.

 

“O ouro de Roma” (castros, pontes e minas). A terceira das rutas levará aos participantes a descubrir o patrimonio arqueolóxico da época histórica na que Valdeorras era o centro de interese económico e viario da Gallaecia romana. Visitarase o xacemento do Castrillón, en Larouco; a ponte da Cigarrosa explicando a súa construción e a función da Vía Nova; e a lápida de Pompeio Reburro situada fronte á igrexa de Santo Estevo, na Rúa Vella, para coñecer a historia deste pretoriano valdeorrés. Esta ruta farase os días 8, 9 e 13 de maio.

 

Igrexa de Santo Estevo na Rúa.

 

O programa de visitas rematará con “Hai outra Galicia” e a posta en valor das paisaxes de montaña de Valdeorras, comezando pola vexetación e xeoloxía do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, onde se visitará o seu Centro de Interpretación. Tras unha parada nos miradoiros do Parque, o programa rematará no máis alto,cunha visita guiada ao Centro Astronómico de Trevinca. Esta ruta tamén se fará tres días en maio para poder escoller data, o luns 15, o martes 16 e o sábado 27.

 

Serra da Lastra, Rubiá./ Foto cedida.

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button