PolíticaÚltima hora

Ana Pontón aporta os avais da súa candidatura á presidenta da Xunta polo BNG

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentaba no rexistro deste partido un total de 1.745 avais á súa candidatura á presidencia da Xunta, unha cantidade de apoios que “multiplica por nove a esixida no regulamento aprobado polo Consello Nacional. Preséntome para ser a próxima presidenta da Xunta coa convicción de que este País necesita un cambio e de que o BNG é a forza política que lle pode dar o futuro que precisa”, asegurou, logo de agradecer os apoios recibidos para encarar “con máis ilusión que nunca” o reto de poder liderar o “mellor goberno da historia da democracia” en Galiza.

Pontón quere ser a presidenta que “devolva a esperanza aos galegos e galegas”, a líder dun goberno “que coide da súa xente”, que aposte “pola sanidade e a educación públicas, polo coidado das persoas maiores e por darlle á mocidade un futuro mellor, darlle a xente nova un País no que van poder facer realidade os seus soños”, alegou.

Asegura que resulta “evidente que é necesario abrir as portas e as ventás da Xunta e este é o momento de facelo”. A súa candidatura vai ser agora debatida e votada pola militancia nas asembleas comarcais, tal e como se contempla no calendario dun proceso que finalizará o vindeiro 25 de novembro, día fixado para que o Consello Nacional ratifique á cabeza de cartel do BNG á Presidencia do Goberno.

“Vou dar o mellor de min”, prometía Pontón á militancia do BNG e, “en xeral a todos os galegas e todas as galegas que pensan que Galiza precisa dun futuro mellor, que pensan que chegou o momento dun cambio na Xunta para dar relevo a un goberno do PP que está totalmente entregado á estratexia de crispación e división posta en marcha por Feijóo, nun intento de tapar a súa incapacidade política para dar solución aos problemas do País”.

Artigos relacionados

Back to top button