EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Anxo Pérez: “Non é momento de alarmismo, pero tampouco de absoluta tranquilidade porque segue habendo un pleito entre as empresas e a comunidade de montes”

A CIG reuníase esta tarde cos traballadores de Irosa e Samaca para analizar a problemática que podería supor a perda de 300 empregos nestas empresas

 

Maioritaria era a asemblea de traballadores de Irosa e Samaca convocada pola CIG e que se celebraba ás 16:30h. desta tarde para abordar a complicada situación derivada da resolución xudicial que obrigaría a desaloxar os terreos nos que se asentan estas empresas en beneficio da Comunidade de Montes de Portela e Trigal (Carballeda de Valdeorras).

“Hai nestes momentos un litixio entre dúas partes: a Xunta de Comuneiros da Portela e Trigal e o grupo de empresas Irosa-Samaca, que pode ter a consecuencia do peche definitivo da explotación, o que significaría deixar a 300 persoas sen traballo. Nós dende o primeiro momento que se nos informa da situación, xa en grao moi avanzado, cando estabamos xa na UCI digamos, optamos polo único que podiamos facer como central sindical: defender o emprego. Nós temos claro que aquí hai un litixio entre dúas partes, que teñen que solucionar, pero que dende longo as vítimas non poden ser 300 familias que queden sen medio de vida. Iso témolo clarísimo”, sinalaba na xuntanza Anxo Pérez Carballo, responsable de CIG en Ourense, central sindical maioritaria no comité de empresa.

Nesta asemblea a CIG pretendía transmitir unha tripla mensaxe. “Por unha banda, non é momento nin de alarmismo, nin de pensar que esta é a fin de todo, porque xa nos temos enfrontado a situacións incluso máis complexas”, dicía Anxo Pérez Carballo, engadindo deseguido que “tampouco queremos transmitir a absoluta tranquilidade que onte transmitían Irosa e Samaca nun comunicado oficial, porque segue habendo un pleito xurídico e, polo tanto, isto non está morto, segue habendo interpretacións posibles”.

Finalmente, o representante sindical sinalaba que “o día 7 de febreiro haberá un acto administrativo de toma posesión, de pago dunha expropiación, do que sexa, pero ese día hai xente sen escrúpulos de ningún tipo que pretende o peche definitivo da empresa, e aí vannos encontrar. Esta é outra mensaxe que queremos transmitir con rotuntidade. Esta unha cuestión de defensa da vida e aí imos estar. Non vai haber descanso, imos seguir pelexando, pero xa pelexamos polo convenio, por cobrar os salarios que se nos debían e agora farémolo por manter os postos de traballo, esa é a nosa forma de manter o sindicalismo”, concluía Pérez Carballo, quen lamenta a ausencia da outra central sindical con representación no comité “nos momentos máis angustiosos para a plantilla”.

Artigos relacionados

Back to top button