ConcellosCulturaCulturaEn portadaLaroucoÚltima horaVídeos

Aparece un posible enterramento infantil nunha ola nunha cabana do castro do Castrillón (Larouco)

Isto converte a este xacemento nalgo único en Galicia e sitúao no "mapa científico e histórico" da comunidade

Publicidade

 

As dúas intervencións arqueolóxicas realizadas ata o momento do Castrillón de Larouco revelan que se trata dun xacemento castrexo único en Galicia. Especialmente relevante é o descubrimento realizado neste outono. “O Castrillón non para de dar sorpresas, se o ano pasado localizábase unha cabana rupestre e este pequiniño anaco de carbón que nos ía permitir datar o xacemento, neste 2021 a localización dunha ola enterrada no chan o converte nun xacemento único en Galicia porque este tipo de enterramentos en furna dentro de cabanas rupestres non existe na comunidade”, tal e como destacaba o director da esvacación, Martiño Xosé Vázquez, nunha visita realizada xunto ao delegado da Xunta, Gabriel Alén, e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, a este xacemento castrexo.

Ademais, explicaba que “a día de hoxe é bastante precipitado poder dicir que se trata dun enterramento, pero tamén é certo que despois da escavación collemos ese material, levámolo ao antropólogo forense, a Fernando Serrulla, en Verín, analizouno e hai restos óseos dentro da ola. Esta ola está enterrada dentro da cabana, tapada, polo tanto, ten un uso votivo. A dúbida inicial que tiñamos é se trataba dun depósito fundacional, por exemplo, a primeira pedra que se pon cando se constrúe unha casa, ou se era un enterramento. Considerando o lugar no que estamos, máis próximo xa á Meseta, porque este tipo de enterramentos en Galicia é algo único, pero non na Meseta e, tendo en conta que o antrópologo forense xa localizou restos óseos, dentro poderíamos estar perante un enterramento infantil dentro dunha cabana castrexa que é algo que converte ao Castrillón nun xacemento único en Galicia”, resaltaba o director da intervención.

Así mesmo, este arqueólogo, membro do equipo de Xeitura Coop. Gal, indicaba que “a día de hoxe o traballo está sendo levado a cabo en laboratorio, gabinete e con moita calma, pero en breve, en poucas semanas poderemos ter os resultados definitivos, pero a localización da ola xa a coloca no mapa científico e histórico de Galicia”, insistía.

 

 

Tanto o delegado da Xunta como a alcaldesa de Larouco destaban tamén a importancia do achado arqueolóxico. Así Gabriel Alén apuntaba que se trata dun “descubrimento importante. O Castrillón ten un potencial turístico moi importante e tamén a nivel histórico e patrimonial. Dende a Xunta de Galicia estase apostando agora pola posta en valor deste patrimonio, agora mesmo nunha cuarta parte dos concellos da provincia de Ourense estase a facer recuperación de xacementos arqueolóxicos e poñendo en valor, por un lado a historia do noso territorio, e por outro lado o seu potencial como recurso turístico, que é importante presumir do que temos e que o coñezan os nosos visitantes”.

De maneira similar, se manifestaba a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. “Só levamos dúas actuacións e que en cada unha delas saia algo tan marabilloso e tan espectacular, pois a verdade é que dan ganas de seguir traballando e é un orgullo poder dicir que en Larouco temos un castro singular é único, xa só nas vistas. O Castrillón segue sendo máxico e que vaian saindo estas cousiñas é un orgullo para Larouco”.

Segunda campaña arquelóxica no Castrillón

A segunda campaña arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello no xacemento do Castrillón vén de sacar á luz unha cabana rectangular de aproximadamente 30 metros cadrados, dentro dela aparecía a ola. Trátase do resultado duns traballos iniciados a comezos deste mes de outubro grazas a unha achega de 30.000€ co fin de definir a antigüidade, dimensións e estrutura deste poboado fortificado da Idade do Ferro.

Este novo achado que pode pertencer a Segunda Idade do Ferro estaba oculto nunha fosa escavada na propia rocha e tapada cunha lousa. Ademais, entre os elementos atopados tamén se localizou unha cabana escavada na propia rocha e de morfoloxía angular, que podería ser datada hai máis de 2.000 anos.

Artigos relacionados

Back to top button