OurenseÚltima hora

Aprobado o Plan Hidrolóxico da C.H. Miño-Sil, que marcará a xestión da auga ata o 2027

O seu programa de medidas conta con 321 actuacións cun orzamento global de 444,21 mill/€ para o horizonte 2027

O río Sil ao seu paso polo Barco./ Foto: A.R.

 

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), vén de aprobar hoxe os Plans Hidrolóxicos de Terceiro Ciclo, un documento que define as liñas de actuación para xestionar os recursos hídricos en España desde agora ata o ano 2027. “Coa aprobación destes plans culmina un longo proceso para modernizar a planificación hidrolóxica en España, no que se identificaron e presentado solucións fronte aos principais problemas na xestión da auga no noso país”, indican dende o goberno central.

Así, os plans elaboráronse para dar resposta aos desafíos do cambio climático como os fenómenos extremos, e as secas e inundacións. Do mesmo xeito, están completamente aliñados coas políticas europeas como o Pacto Verde, o Plan de “Contaminación Cero” e coa nova Directiva europea de calidade da auga para consumo humano. Estas medidas buscan mitigar o risco de inundacións e secas, contribuír a alcanzar os obxectivos ambientais e protexer a biodiversidade á vez que se avanza en adaptación #ante o cambio climático.

Para iso, establécense máis de 6.500 medidas dotadas cun investimento de 22.844 millóns de euros repartidas da seguinte forma:

· Máis de 10.600 M€, é dicir, o 46,7% do total serán financiados pola Administración Xeral do Estado.
· Case 8.300 M€ (36,3%) correrán a cargo das Comunidades e Cidades Autónomas.
· Máis de 2.300 M€ (10,2%) serán financiados pola Administración Local.
· O 6,7% restante, máis de 1.500 M€, por outros axentes financiadores.

Entre estes investimentos, destacan algunhas como os máis de 6.600 M€ destinados a actuacións de mellora do saneamento e a depuración; os máis de 2.200 M€ para mellora dos abastecementos; máis de 5.000 M€ que se investirán a infraestruturas de regadío; máis de 2.000 M€ para xestión do risco de inundación e case 1.300 M€ para a restauración e conservación do Dominio Público Hidráulico.

 

Diferenzas coa anterior planificación hidrolóxica

A diferenza das planificacións de primeiro e segundo ciclo, os novos plans definen caudais ecolóxicos para todas as masas de auga, determinando caudais mínimos e máximos, de forma que se aseguren a protección das masas de auga, os ecosistemas e o territorio. Do mesmo xeito, recóllense as medidas necesarias para reducir as presións ambientais que sofren as masas de auga, actuando sobre as actividades que as xeran.

Estímase que os caudais dos ríos españois reducíronse un 12% desde 1980. Para adaptarse a unha realidade na que o cambio climático reducirá a dispoñibilidade da auga, o texto expón un cambio de tendencia no uso dos recursos. En concreto redúcense as asignacións para os distintos usos pasando dos 28.000 hm3/ao ano que marcaba a anterior planificación a 26.800 hm3/ao ano, unha medida orientada a garantir o acceso equitativo á auga para todos os cidadáns. Ao mesmo tempo, para diversificar as fontes de obtención do recurso dótase de maior protagonismo á desalación, de forma que se garante a subministración e equilíbranse as demandas e os requirimentos ambientais.

Para fomentar a calidade da auga, impúlsanse xunto ás administracións competentes, a mellora do saneamento e a depuración parar emendar atrasos acumulados polo noso país no cumprimento da normativa europea sobre protección de augas residuais. Na mesma liña, refórzanse as medidas para loitar contra a contaminación difusa, tal e como marca o Real Decreto de xaneiro de 2022 sobre protección das augas contra a contaminación difusa provocada polos nitratos agrarios. Ademais, contémplanse medidas para loitar contra os contaminantes emerxentes como microplásticos ou antibióticos.

A nova planificación tamén incide na recuperación ambiental dos espazos fluviais e en reducir o risco de inundación, incorporando solucións baseadas na natureza, e tamén na seguridade hídrica.

Garantir o bo estado das augas

Estes plans xunto cos de “Xestión do Risco de Inundación”, aprobados tamén polo Consello de Ministros a semana pasada, e os “Especiais de Seca”, que se prevén aprobar durante este ano, contemplan as principais medidas que permitirán alcanzar o bo estado das nosas masas de auga e conseguir un alto grao de seguridade hídrica e, en definitiva, respectar o medio ambiente sen comprometer o desenvolvemento socioeconómico.

A seguinte fase de planificación finalizou en 2021, coa aprobación dos proxectos de plans hidrolóxicos que fan fronte a eses problemas. Ambas as fases contaron cunha ampla consulta e participación pública: nove meses no caso dos esquemas de temas importantes –no canto do seis inicialmente previstos que foron ampliados por causa da pandemia– e seis meses no caso dos proxectos de plans hidrolóxicos.

Os plans foron informados polos consellos da auga e os comités de autoridades competentes de cada conca (entre o 29 de marzo e o 3 de maio de 2022) e polo Consello Asesor de Medio Ambiente (27 de abril de 2022) e contan con senllos informes do Consello Nacional da auga (29 de novembro de 2022) e do Consello de Estado (19 de xaneiro de 2023). En paralelo, os plans hidrolóxicos foron sometidos á preceptiva avaliación ambiental estratéxica, aprobada o 10 de novembro de 2022.

 

 

Modernizar a xestión da auga

Os plans hidrolóxicos compleméntanse con outros instrumentos desenvolvidos polo MITECO como as “Orientacións estratéxicas sobre auga e cambio climático”, o “Plan Nacional de Depuración, Saneamento, Eficiencia e Reutilización” (DSEAR), os Plans de Xestión do Risco de Inundación (PGRI) de segundo ciclo, os plans especiais de seca, a Estratexia Nacional de Restauración de Ríos, ou o Plan de Acción de Augas Subterráneas, que modernizan e preparan a xestión da auga fronte a desafíos futuros.

Pola súa banda, o Proxecto Estratéxico de Recuperación e Transformación da Economía (PERTE) de Dixitalización do ciclo da auga ten, como principal obxectivo, aumentar a eficiencia do uso da auga. Empregará as novas tecnoloxías e o “big data” para conseguir unha información precisa e actualizada dos recursos de auga dispoñibles e as demandas en abastecementos urbanos e no regadío, mediante un investimento total de 3.060 M€.

DH MIÑO-SIL

No novo plan hidrolóxico da Demarcación do Miño-Sil destaca a nova delimitación e caracterización das masas de auga subterráneas que pasaron de 6 masas a 24; o novo inventario de recursos hídricos naturais e o impacto do cambio climático nos mesmos que se cuantificou nunha redución do 8,5 % para o horizonte de 2039; a definición de todos os compoñentes do réxime de caudais ecolóxicos de todas as masas de auga; en canto ao estado das masas de auga, das 287 masas de auga superficiais un 75 % alcanzan o bo estado e en augas subterráneas un 91,22 %.

Por outra banda, o texto tamén establece os valores máximos de excedentes de nitróxeno que poden recibir as masas de auga afectadas por contaminación difusa procedente das actividades agrarias, co interese de alcanzar os obxectivos ambientais previstos no Plan Hidrolóxico.

En canto ao programa de medidas elaborado para alcanzar os obxectivos ambientais das masas de auga, este consta de 321 actuacións cun orzamento global de 444,21 mill/€ para o horizonte 2027; destacan as actuacións para combater a contaminación puntual, con 102 medidas e un orzamento de 127,91 mill/€; as medidas de restauración e conservación das masas de auga, 33 actuacións e un orzamento 130,62 mill/€, as relacionadas coa mellora da gobernanza centradas na dixitalización e na mellora das redes de control tanto do sistema automático de información hidrolóxica (SAIH) como nas redes de control de estado das masas de auga, cun orzamento de 55 mill/€; así como as relativas coa xestión do risco de inundación con 57 mill/€.

Artigos relacionados

Back to top button