ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

As novas tendencias de peiteados e maquillaxe, na pasarela do IES Lauro Olmo do Barco

Este centro educativo celebraba un desfile coa participación de alumnado, profesorado e outro persoal e coordinado polo alumnado de FP básica e do ciclo de peiteado

 

Alumnado, profesorado e outro persoal do IES Lauro Olmo do Barco percorrían neste mediodía de 14 de marzo unha pasarela moi especial. Convertíanse en modelos para desfilar no salón de actos do centro ante a comunidade educativa e a veciñanza valdeorresa co fin de amosar o traballo do instituto en perruquería e maquillaxe no relativo ás novas tendencias, poñendo en práctica todo o que os estudantes aprenderon ao longo do curso, demostrando as súas destrezas e habilidades.

 

 

Unha pasarela iluminada por bandas de luz e rodeada a ambos lado polo público servía de escaparate para amosar ese traballo, cuxos últimos detalles se ultimaban minutos antes de que o desfile cobrara vida. O equipo encargado deste desfile estaba formado polos alumnos e alumnas de formación profesional básica e ciclo de peiteado, que eran os encargados de executa-los peiteados e maquillaxes para as/os modelos antes de que saian á pasarela.

 

 

Ademais contaban coa axuda do alumnado de ciclo medio de electricidade, encargados da iluminación, e dun alumno do IES Cosme López da Rúa do ciclo de informática, que realizaba a montaxe do vídeo e audio do desfile, no que tampouco faltaban as coreografías. Tamén cabe destacar a gran implicación das profesoras de peiteado así como de Natalia, unha futura profesora que está cursando o “master de capacitación docente”, que asesoraba ao equipo no vestuario aportando pezas de roupa da súa colección.

 

 

Ao final do desfile, no que tampouco faltaba o bo humor nin a música en directo interpretada por algúns dos modelos, a directora do IES Lauro Olmo, Amparo Quiroga, destacaba que detrás deste evento había moitas horas de traballo e ilusión por parte de todos os que colaboraron nel e agradecía o seu esforzo e implicación. Así mesmo indicaba que este é un xeito diferente de achegar á sociedade o labor formativo e aprendizaxe do alumnado.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button