ConcellosÚltima hora

As visitas a residencias de maiores deberán ser dunha soa persoa por usuario e dunha hora ao día como máximo

A Consellería de Política Social actualiza o plan de reactivación no ámbito sociosanitario de Galicia incorporando as medidas acordadas no Consello Interterritorial de Saúde

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, durante a súa comparecencia desta mañá ante os medios.

 

Actualízase o Plan de Reactivación no ámbito sociosanitario de Galicia para adaptalo ás medidas aprobadas o pasado venres polo Consello Interterritorial de Saúde. Trátase dunha serie de indicacións que se aplicarán nas residencias de persoas maiores e persoas con discapacidade para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica, tal e como informaba na mañá deste luns 17 de agosto o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa.

Entre as modificacións atópase a limitación das saídas do recinto das persoas residentes e o cambio no réxime de visitas, que deberán ser dunha única persoa por residente e dunha duración máxima dunha hora ao día. “Como se viña facendo ata o de agora, as residencias tomarán as medidas necesarias para que as visitas sexan escalonadas ao longo do día e, como é natural, poderán facerse excepcións coas persoas que estean ao final da súa vida, para que poidan despedirse dos seus familiares”, tal e como informa Política Social.

Seguimento moi próximo das residencias

Ademais, as visitas deberán ser tamén con cita previa, distancia social e preferiblemente en exteriores. As residencias verificarán tamén que a persoa visitante non presente síntomas. Como xa se viña facendo, realizaranse tamén probas diagnósticas ás persoas que ingresen nestas residencias nun período máximo de 72 horas antes do seu ingreso para descartar posibles contaxios. Tamén se aplicará esta medida para os empregados que regresen de permisos e vacacións e aos novos traballadores que se incorporen.

O director xeral sinalou que as autoridades sanitarias están a facer un seguimento moi próximo das residencias e actuando con toda a celeridade ante calquera sospeita ou caso confirmado. Neste sentido, trasladou tranquilidade ás familias e agradeceu ao persoas das residencias o traballo realizado nos últimos meses.

 

Artigos relacionados

Back to top button