OurenseÚltima hora

A avenida de Zamora verá mellorados 16,5 metros da súa rede de saneamento

As obras arrancarán en setembro entre os números 1 e 69 desta rúa e un total de 420 vivendas beneficiaranse destas melloras
O alcalde, o técnico da Consellería de Infraestruturas e o responsable de Viaqua  na xuntanza de hoxe no Concello.

O Concello de Ourense vai renovar a rede de saneamento dun total de 420 vivendas situadas no tramo esquerdo da avenida de Zamora, concretamente entre os números 1 e 69. En total, segundo informan fontes consistoriais, melloraranse 16,5 metros da rede, ademais de 16 metros de cruces. Para realizar esta acción empregarán un orzamento de 60.000 euros.

Segundo dixo o rexedor municipal, estas obras trátanse dunha “mellora importantísima para os veciños da zona, xa que no que vai de ano xa sufriron 6 avarías que deixaron sen servizo a 140 vivendas”.

Nunha xuntanza celebrada hoxe, 26 de agosto, no Concello de Ourense entre o propio rexedor, un técnico da Consellería de Infraestruturas e o director de Viaqua, Julio Masid, o responsable da empresa concesionaria explicou que actuará sobre un total de 765 metros da avenida de Zamora, prestando especial atención á infraestrutura obsoleta.

As obras de mellora darán comezo no mes de setembro, e faranse por tramos para causar as menores molestias posibles. Aínda así, será preciso realizar modificacións puntuais no tráfico, explican dende o consistorio, resultando afectadas as beirarrúas. Ademais, dende Viaqua puntualizaron que será necesario realizar algún corte de agua, pero a veciñanza será informada previamente e estarán planificados de xeito que sexan os menos posibles e nas horas menos críticas.

Asemade, establecerase un dispositivo especial da Policía Local para informar tanto a condutores coma peóns.

Durante as obras veranse afectados o tráfico e os peóns e tamén faranse cortes de suministro.

Artigos relacionados

Back to top button