Dez anos levaba o KC River Stone do Barco de Valdeorras sen participar nun campionato nacional por equipos. Por iso, malia a delicada situación e todos os problemas derivados da pandemia que apenas os deixou adestrar, Nicolás Rodríguez non dubidou en facelo neste 2021, cun grupo que non deixa de sorprender.
“Non é doado conseguir rapaces con tanta ilusión e ganas de traballar, e que estén dispostos a facer equipo e competir como tal”, asegura Nico apenas unhas horas despois de que nove rapaces do club participaran no Campionato de España de Clubs que se está disputando en Torrelavega (Cantabria). O club barquense participaba con tres equipos, un alevín con Pablo, José e Nazan; un infantil mixto con Cloe, Diego e Aina; e un infantil masculino con Brian, David e Héctor e ningún lograba facer podio “pero fixérono realmente ben, quedaron un pouco sorprendidos ao principio ao ver o nivel dos karatekas pero saltaron aos tatamis e defendéronse de marabilla”, asegura o adestrador, recoñecendo que o obxectivo de levalos non era outro que coñeceran o que é unha competición nacional, o nivel que hai e ata onde poden chegar.

“Con apenas dous meses de adestramento pouco se pode facer pero a experiencia foi moi boa e isto sérvenos para seguir traballando, con ilusión e ganas, e para o ano que vén volveremos”, asegura rotundo e moi orgulloso dos seus pequenos.
Igual de orgullosa se sinte o resto do club asegurando que a asistencia a este campionato “foi polo empeño e as ganas que poñen en todo, tanto eles como as súas familias que sempre están aí para apoialos a eles ao club”, di Raquel. Malia non acceder ao podio, esta experiencia serviu aos cativos para “crecer como grupo de compañeiros e para aprender moito dos rivais, para ver como fan as cousas noutras comunidades, como adestran, como se moven no tatami e para volver o ano que vén cos deberes feitos”, conclúe.
Fotos: RFEK e cedidas