EntrevistasÚltima hora

“Cando se xuntan dúas arpas multiplícase o ambiente sonoro e iso abre moitísimas posibilidades”

O músico Rodrigo Romaní presenta este venres 26 de outubro ás 21h. no Barco seu cuarto traballo “Fíos de ouro no ár”
Rodrigo Romaní, tocando a arpa.

 

Un abano de sonoridades delicadas, que se moven no linde entre a música popular e a culta a través da fascinante combinación de dúas arpas acompañadas por percusión. É a singular proposta de “Fíos de ouro no ár” (Altafonte Music), o cuarto disco en solitario de Rodrigo Romaní (Noia,1957). Nel este arpista, fundador de Milladoiro, aposta ademais polo formato trío xunto a Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión).

Este traballo presentárao nun concerto previsto para este venres 26 de outubro ás 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco. Nesta actuación tamén poderán escoitarse temas do seu anterior álbume “As Arpas de Breogán” (2012) e “algunha novidade que está sen gravar”, adianta este multiinstrumentista e director da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (ETRAD).

¿De onde vén a súa relación coa arpa, un instrumento que non se pode considerar tradicional en Galicia?

Efectivamente non é un instrumento da tradición, porque a tradición e a transmisión foron orais. A arpa, as guitarras e todo este tipo de instrumentos que hoxe identificamos como folk, por así dicilo, incorporáronse a este tipo de música, ao tratamento da tradición oral, moito máis tarde, a finais dos 70 do pasado século coa discografía e o nacemento da música folk, que simplemente era traballar dende a cidade con instrumentos e con músicas do mundo rural. Eu empecei coa arpa porque cando se fundou Milladoiro, no ano 1978-79, buscaba un instrumento que fora útil para servir de base á música, para facer a harmonía, o acompañamento. E, a parte das guitarras, apareceu a arpa que entón estaba tamén emerxendo en Europa como un instrumento retomado. A arpa ten milleiros de anos de antigüidade pero foi transformándose pouco a pouco, beneficiándose nuns casos das modas e perxudicándose noutros ata chegar a desaparecer practicamente no século XIX. Pasou ao ámbito de arpa de concerto, ese instrumento enorme que vemos nas orquestras sinfónicas, en cambio no ámbito da música máis popular de Europa perdeuse. Sen embargo, reapareceu no século XX e xa con moito éxito porque é un instrumento fácil de transportar, de ter e de manter. Ademais adáptase moi ben ao seu uso nas músicas tradicionais de toda Europa.

Pese a non ser tradicional, si ten unha gran forza evocadora, capaz de conectar coa paisaxe, coa sonoridade galega…

Si, é certo, incluso as pezas que sempre se fixeron no mundo popular para gaita, por exemplo, tamén se adaptan moi ben para a arpa. A súa facilidade de adaptación e de evocación de ambientes, de paisaxes sonoras fai que sexa un instrumento vivo, a parte de que se pode tocar só. A diferenza doutros instrumentos que non poden acompañarse a si mesmos, a arpa si se acompaña a si mesma.

No seu novo disco traballa un formato trío, con dúas arpas e percusión, ¿por que?

Cando se xuntan dúas arpas esa regra de un máis un é dous non se cumpre porque, de repente, multiplícase o ambiente sonoro, e de súpeto parece un mundo moito más rico e que abre moitísimas posibilidades. Por iso o meu traballo dos dous últimos discos está un pouco centrado en crear dúos de arpa, acompañados doutros instrumentos, pero fundamentalmente o ámbito sonoro creáse por dúas arpas, dialogando, unha acompañando a outra ás veces, establecendo así un ambiente que creo que é moi orixinal.

 

O trío formado por Rodrigo Romaní, a Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión).

 

¿Podería entenderse entón que este cuarto disco é unha continuidade de “As Arpas de Breogán”?

Si, efectivamente, é unha continuidade porque manexa os mesmos argumentos, por unha parte a música de tradición oral, pola outra, composicións propias, ademais da combinación de dúas arpas normalmente con percusión, contrabaixo… Aínda así, en “Fíos de ouro…” hai outras colaboracións, que están a medio camiño entre a música clásica e popular, algunhas composicións, algunhas versións de temas tradicionais cun cuarteto clásico (dous violíns, viola e chelo) e xogando así a desenvolverse entre o ambiente da música culta e o ambiente da música popular. Ás veces é bonito, convinte e útil traspasar fronteiras, ter un pouco a ousadía de cruzar esa especie de límites imaxinarios que nos creamos en torno ás músicas: a clásica, a popular, o jazz, o rap ou a música contemporánea. Ás veces creamos unhas divisións que son realmente artificiais porque a música é unha soa linguaxe.

O título deste novo traballo é unha cita directa dos versos de Avilés de Taramancos, ¿por que os escolleu?

Avilés de Taramancos era paisano meu, pero realmente din coa súa poesía despois de que falecera. No 2003, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, fixen un disco sobre a súa poesía e a partires de entón quedei feliz de poder descubrilo como gran poeta. A súa obra está chea de imaxes preciosas e é un pozo sen fondo para buscar títulos. Neste caso, pola característica do instrumento que son as cordas vibrando, pois parecéronme moi adecuados os versos “Fíos de ouro no ar, tece a dona ao sol da eira…”. Ese sol brillando entre as cordas da arpa evoca aos fíos de ouro no ar, por iso escollín este título.

¿Como valora a situación actual da arpa e dos arpistas neste momento en Galicia e, dentro dese marco, que papel que está xogando o ensino?

En Galicia hai bastantes arpistas, contamos cunha aula permanente de arpa céltica na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo, que é o meu lugar de traballo, de onde saen arpistas. Temos unha sección de arpas estupenda na orquestra folk Sondeseu, Roi Casal… Temos moita xente que toca en Galicia, a densidade é moito maior que no resto de España porque tamén nos une esa especie de mito da música céltica. Isto é algo que parece que na cultura galega sentou ben, aínda que sexan discutibles ou non os seus vínculos naturais cos países célticos, o caso é que foi unha cultura que apareceu no século XIX e que realmente callou en Galicia, entón hai ese aspecto como arpa céltica, que semella que nos une un pouquiño máis que ao resto das culturas ibéricas. Pero a verdade é que as cousas ocorren moitas veces por azar ou por moitas casualidades diferentes, pero si que somos o referente ibérico.

¿Hai repertorio propio suficiente para arpa en Galicia ou ten esa limitación á hora de seguir medrando como instrumento?

A verdade é que o repertorio hai que crealo e vaise facendo. Á diferenza da música clásica, onde hai un repertorio de partituras que un se aprende, no caso da arpa vanse facendo as versións e un aprende non soamente a reproducir as notas dun pentagrama, senón que debe aprender a incorporar a música. Da mesma maneira que cando un canta unha canción que escoitou na tele, que se lle pega, pois un aprende a tocar esa melodía que lle gusta ou aprecia na arpa e a facerlle un acompañamento. Esta é un pouco a dinámica e iso vai creando repertorio, se ben non da mesma forma que na música culta, na música clásica de conservatorio que é outra historia diferente. A arpa, por chamarlle así, de uso popular é un pouquiño diferente.

Texto: A.R.

Fotos: Facebook Rodrigo Romaní.

Artigos relacionados

Back to top button