CulturaCulturaÚltima hora

Carlos Ares, novo presidente da Academia Galega do Audiovisual

Da nova xunta directiva, elixida o 8 de maio, tamén forma parte o ensinante e documentalista valdeorrés Manolo González
Carlos Ares (no centro), novo presidente da AGA, con membros da directiva.
Carlos Ares (no centro), novo presidente da AGA, con membros da directiva.

O guionista Carlos Ares encabezaba a única candidatura presentada nas eleccións a nova xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual (AGA), que tiñan lugar nunha asemblea celebrada na tarde do 8 de maio na Coruña. Unha candidatura que saía adiante “por aclamación polos socios asistentes”, segundo se informa dende esta entidade.

Do novo equipo directivo tamén forman parte a actriz Tamara Canosa, o músico e compositor Nani García, o ensinante e documentalista valdeorrés Manolo González, o director Dani de la Torre, o actor Antonio Durán “Morris”, a xornalista e presentadora Irene Lourido; a produtora Luisa Romeo González; a actriz María Vázquez; e a produtora e xornalista María Yáñez Anllo.

Na súa intervención na asemblea o novo presidente Carlos Ares, que substitúe no cargo ao actor Antonio Mourelos, resaltaba que “a Academia ten que ser un caxato no que todas as persoas que traballamos no audiovisual galego poidamos apoiarnos para facer camiño xuntos. Debe ser un punto de representatividade, de unión de todos e de todas”.

Tamén adiantaba a importancia de “dinamizar, promover, fomentar o coñecemento do noso cine, a nosa televisión e outras disciplinas audiovisuais, o noso patrimonio audiovisual, a nosa cultura en definitiva, entre a sociedade”. E destacaba que “a Academia debe ser a casa de todos”.

Artigos relacionados

Back to top button