ConcellosO BoloÚltima hora

Case 50.000 euros para humanizar a contorna do núcleo de Celavente (O Bolo)

Incluirá a renovación e mellora do pavimento así como a colocación de mobiliario urbano na rúa principal e en dous calellos situados na zona de protección da Igrexa de San Xoán

Publicidade

 

O Concello do Bolo e a Xunta colaborarán nunha actuación urbanística neste municipio valdeorrés co fin de humanizar a contorna do núcleo de Celavente. Este foi o compromiso asumido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde bolés, Manuel Corzo, no marco dun convenio subscrito esta semana para fixar os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo a obra.

Segundo se recolle no proxecto, a intervención centrarase na humanización da rúa principal e de dous calellos do lugar de Celavente, localizados dentro da zona de protección da Igrexa de San Xoán. En concreto, acometerase unha completa rexeneración dos pavimentos, retirando o actual e nivelando o terreo antes de colocar unha nova capa de formigón e fiadas de pedras de granito nas marxes do camiño. Así mesmo, tamén está previsto acondicionar a zona coa instalación de bancos consistentes en bloques macizos de granito gris.

 

 

Cun custo de case 50.000 euros dos cales o 70% será achegado polo departamento autonómico e o 30% restante polo goberno municipal, o convenio enmárcase no chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Artigos relacionados

Back to top button