En portadaÚltima horaVídeos

Case 500 km en dous días, 159 cronometrados en 14 tramos, no 58 Rallye de Ourense

A terceira proba do S-CER celebrarase o 13 e 13 deste mes de xuño por varios concellos da provincia, varios novos como o de Arnoia

 

No mediodía deste mércores 4 de xuño, o día no que se pecha o prazo de inscrición, presentábase na sede da Confederación Empresarial de Ourense a 58 edición do 58 Rallye de Ourense que volverá traer aos mellores pilotos do Súper Campionato de España e encher as estradas da provincia con miles de afeccionados os vindeiros 13 e 14 de xuño.

 

 

O encargado de explicar o programa e sobre todo as novidades do 58 ROU Recalvi, era o presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga, quen destacaba os case 500 quilómetros que se percorrerán nos dous días, 159 deles cronometrados e distribuídos en 14 tramos coa segunda pasada dos tres do venres de noite. “Comezarán ás 22:30 horas e o último ás 00:05 horas”, explica Jano, asegurando que é completamente distinto conducir de noite, “perdes os cálculos e as referencias co cal iguálanse máis as cousas entre a xente que coñece o terreo e a que non”.

Con respecto ao programa, o mércores e xoves 11 e 12 de xuño serán xornadas de recoñecemento; o venres día 13 pola mañá o shackedown no Pereiro de Aguiar e pola tarde comezará o rallye. Ás 10:30 horas será o tramo de cualificación e a elección da orde de saída da proba será no Parque de San Lázaro.

 

 

Con todo, o 58 Rallye de Ourense comezará oficialmente o xoves 12 de xuño coa cerimonia de saída ás 22:30 horas desde San Lázaro, onde tamén estará o parque pechado na noite do venres ao sábado, o reagrupamento do sábado ao mediodía e a entrega de trofeos o sábado pola tarde. A primeira xornada de competición (venres 13 de xuño) estará composta por tres tramos cronometrados a dobre pasada: Taboadela (18:35 e 22:30h.), A Merca-Celanova (19:15 e 23:10h.) e Toén (20:10 e 00:15h.) pechando a primeira etapa da cita puntuable para o Súper Campionato de España de Rallyes.

Coma sempre a zona de asistencia e a oficina da carreira estarán en Expourense. Para o sábado 14 de xuño, segunda e última xornada de competición, están previstos outros catro tramos a dobre pasada: Amoeiro (09:40 e 14:45h.), San Amaro-Cenlle (10:25 e 15:30h.), Ribadavia-Arnoia (11 e 16:05h.) e Cartelle-Toén (11:40 e 17:25h.) que marcará o final desta edición na que se espera moita calidade.

 

 

A presentación da proba que chega a catro novos concellos, Arnoia, Ribadavia, Cenlle e San Amaro, ademais de Celanova, Toén, Taboadela, Amoeiro e A Merca que repiten este ano na folla de ruta, contou coa presenza do presidente da Deputación, Luis Menor, quen manifestou que “o Rally de Ourense leva 58 edicións forxándose como un dos nosos grandes tesouros no ámbito do patrimonio deportivo e turístico”, dixo, lembrando como “aqueles visionarios como Lalao (Estanislao Reverter), Alfonso Bouzo, J. Luis Outeiriño, Emilio Pérez ou Antonio Fraga, entre outros, decatáranse no 1967 do potencial que tiñan entre as mans e organizaran a primeira edición”.

A cita ourensá, un clásico dentro do certame nacional, contará con 76 equipos na lista de rexistrados, con máis dunha decena de vehículos da categoría Rally2 (estarán todos os candidatos ao título) e varias unidades R-GT, no que promete ser unha das edicións máis emocionantes que se lembran. Ademais, serán oito os equipos encadrados dentro da Copa Hyundai I20N, que se unen aos máis de 40 equipos dentro do Trofeo Escuadería Ourense.

 

 

Tamén asistían ao acto Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense; Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo; José Vicente Medina, vicepresidente da Real Federación Española de Automovilismo; Aníbal Pereira, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Ourense; a presidenta da CEO, Marisol Novoa; e o capitán xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Javier Barja; entre outros.

Todos destacaron a importancia da proba na tradición da provincia, considerándoa “un evento imprescindible  que xa forma parte da cultura de todos os ourensáns”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button