EntrevistasÚltima hora

Cholo Fernández: “A montaña é para usala, por suposto, pero tamén para respectala, conservala e, se fora posible, amala”

Este membro do Club Montañas de Trevinca valora nesta entrevista a resolución de impacto ambiental desfavorable do Goberno para o Parque eólico de Prada

O montañeiro Antonio Fernández “Cholo”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con gran satisfacción se recibía no Club Montañas de Trevinca a nova da resolución do Goberno central de impacto ambiental desfavorable para o Parque Eólico de Prada. “Foi unha gran noticia”, destaca o montañeiro Antonio Fernández “Cholo”, dende este club, que agradece “o apoio de milleiros de persoas que nos chamaron, que colaboraron nas sinaturas para alegar contra o parque”. Ademais lembra que, ao final, con esa resolución, as administracións galega e española “recoñeceron a importancia das Montañas de Trevinca”.

– ¿ Como valora esta declaración de impacto ambiental que impide o proxecto de instalación dun parque eólico en Trevinca?

A min alégrame moito que o Goberno español e a Xunta, que neste momento tiveron que mollarse e entrar a redescubrir estas montañas, se decatarán de que, efectivamente, sen menosprezar a ningunha montaña, en Galicia a xoia que brilla con máis forza é este Macizo de Trevinca. Hai que dicilo por ser teito de Galicia e por outra serie de características, como o glaciarismo, polo seu tamaño, fauna, flora, etc.

– Como montañeiro non é este o primeiro proxecto de parque eólico en Trevinca contra o que ten loitado…

Dende o 2001 a Casa de Turismo Rural O Trisquel (Vilanova, A Veiga) pelexou moi forte contra estas empresas que querían poñer parques eólicos en Trevinca: no 2001, 2005 e 2008. Demos para atrás a tres proxectos deste tipo aquí. Se nalgún deles tiveramos fracasado, este parque do que falamos agora estaría posto en Trevinca porque xa habería máis parques nestas montañas, entón este último parque tería entrado sen ningún problema. Grazas a todos os deuses realmente puidemos ganar, pero quizais dunha maneira case milagreira.

No primeiro proxecto, no do 2001, eran 27 aeroxeradores que cubrían toda a Serra do Eixe polo Crestón do Lombo do Roncín, destrozándoo. Falamos dunha xoia xeolóxica, o único crestón de tipo alpino que temos en Galicia, e había que rebaixalo 50 m. Era un proxecto dunha brutalidade tan grande para a natureza que para min era inentendible que nalquel momento non o entendera ninguén. Ademais incluso a xente que defende a natureza vía que os parques eólicos, esas enerxías novas que empezaban, eran a solución.

Entón houbo que convencer a todos, case case discutir con todo o mundo. Aquel parque, que afectaría ao conxunto do Macizo de Trevinca, xa que quedaba a 20 minutos do pico de Pena Trevinca, ía ser levado a cabo si ou si. Pois non foi, non se fixo. Resultou un ano para nós terrible, sen embargo, logramos convecer daquela a José Luis Baltar, nese momento presidente da Deputación de Ourense. Fomos alí con papeis, con razóns, con explicacións, fomos dicindo que realmente era o atentado medioambiental máis grande na provincia de Ourense e en Galicia contra a nosa montaña, o cima da comunidade. E hai que recoñecer que o presidente da Deputación naquel momento foi favorable a nós e axudounos moito, de tal xeito que aquel primeiro parque non se fixo.

Logo logramos convencer a outras administracións no 2005 e 2008, nunha palabra, pensei que realmente xa podería durmir tranquilo porque nas montañas de Trevinca non ía haber máis parques eólicos…

 

 

– Ata o ano 2022.

Si, apareceu unha empresa con outro proxecto. Pero nese momento a xente xa fixo unha valoración de que os parques eólicos nestas zonas do rural non aportan riqueza ningunha, nin solucións económicas, son un engano e o destrozo medioambiental que supoñen é irreversible. O rural, pero non só en Galicia, senón en toda España, revolveuse contra todo isto e a resposta foi moi unánime, dende asociacións que favorecían a implantación eólica, e que hoxe estaban en contra dela, ata os científicos e expertos, que sempre estiveron en contra deles realmente.

Entón é unha satisfacción máxima que agora a Xunta de Galicia con ese informe desfavorable, que sabemos que fixo, e o Goberno central, con esa resolución, recoñezan os valores naturais das montañas de Trevinca declarando nula esa petición e dando unha serie de razóns que coñecíamos: glaciarismo, augas, esas marabillosas aves, multitude de plantas…

– ¿O seguinte paso lóxico sería o recoñecemento deste macizo como parque natural?

Efectivamente, dende o club cremos que pode estar preto, por noticias que nos trae o vento. Sería algo lóxico para estas 30.000 hectáreas dunha beleza e naturalidade incribles, porque hoxe en día é difícil atopar lugares dunha naturalidade tan pouco afectada como estas montañas.

No municipio da Veiga e nós, no que nos toca como club, o que queremos é manter este patrimonio que non só é galego, senón tamén do resto de España. Queremos que este patrimonio natural o herden os nenos e nenas que aínda non naceron, esa é a razón de todo. Non son razóns individuais e egoístas, a idea é que este patrimonio que nós recibimos, camiñamos e sentimos poidamos pasalo ás futuras xeracións que aínda non están pisando o planeta. Penso que levamos un bo camiño para ser parque natural.

Non se trata só de conseguir que os parques eólicos ou proxectos parecidos non estean en Trevinca, que iso é fundamental. As montañas cada vez son máis pisadas, máis recoñecidas, máis camiñadas, pero todos nós, deportistas e turistas, temos que poñer tamén a nosa parte. E hoxendía hai que ter coidado porque xa montaña aparecen toda unha serie de deportes que se practican nela, co cal esa sensibilidade do montañeiro, que vai camiñando, que se para, que ve, que observa, que coñece, que sente… hai que implantala ou, como mínimo, indicar que á montaña hai que respectala, non romper, non manchar. A montaña é para usala, por suposto, pero tamén para respectala e conservala e, se fora posible, amala.

Fotos: Carlos G. Hervella

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button