En portada

Christian Escuredo, do éxito de “Priscilla” á súa nova película

O artista barquense está nominado como mellor actor revelación por este espectáculo nos oitavos Premios do Teatro Musical

Christian Escuredo (primeiro pola esquerda), cos outros dous protagonistas do musical "Priscilla. Reina del desierto".
Christian Escuredo (primeiro pola esquerda), cos outros dous protagonistas do musical “Priscilla. Reina del desierto”.

Tras sete meses de “Priscilla. Reina del desierto” sobre o escenario do Nuevo Teatro Alcalá de Madrid, unhas 200 funcións e máis de 250.000 espectadores, o actor valdeorrés Christian Escuredo confésase “encantadísimo”. Neste espectaculo encarna a Felicia/ Adam un dos tres protagonistas. “É a primeira vez que interpreto a un protagonista e ademais cunha resposta tan positiva tanto do público como da crítica”, asegura.

A esta acollida súmase agora a súa nominación como mellor actor revelación na oitava edición dos Premios do Teatro Musical, cuxo obxectivo é potenciar a industria deste tipo de xénero teatral en España. Neste concurso “Priscilla” é tamén a obra con maior número de nominacións: un total de 14 en 13 categorías. Os ganadores serán escollidos polos propios profesionais do sector que realizarán as súas votacións a través da páxina web oficial dos premios, sendo a data límite para facelas o vindeiro 12 de maio.

Ao mesmo tempo, en maio Christian Escuredo comezará a rodaxe da súa nova película: “El silencio de los objetos”, ópera prima de Iván Rojas. “Será unha longametraxe que compaxinarei ata o 7 de xuño co musical “Priscilla”. O filme trata de tres historias independentes e entre os actores do reparto están rostros coñecidos como Mónica Cervera, Inma Cuevas ou Emilio Gavira; pero tamén outros menos coñecidos como é o meu caso. Eu protagonizo unha das tres historias, xunto á televisiva Inma Cuevas”, explica Escuredo.

O 7 de xuño rematará a tempada de “Priscilla. Reina del Desierto”, que estará de novo en cartaz en agosto.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button