CulturaCulturaÚltima hora

Cita coa tradición no Festival do Solsticio de Inverno e dos Caretos nas Arcas (Macedo de Cavaleiros)

Esta antiga celebración, que se celebrará do 22 ao 26 de decembro nesta localidade portuguesa, está promovida polo Núcleo dos Costumes e Tradições

Caretos das Arcas.

 

O son dos chocallos dos Caretos das Arcas (Macedo de Cavaleiros, Portugal), figuras con máscara de coiro e rechamantes fatos (traxes) de la, encherá de novo esta localidade do nordeste de Portugal nos próximos días. Estes enmarcarados forman parte da antiga celebración do Día de Santo Estêvão e eran recuperados pouco antes da pandemia polo Núcleo dos Costumes e Tradições das Arcas.

Así do 22 ao 26 de decembro esta aldea acollerá o Festival do Solsticio de Inverno e dos Caretas cun completo programa que se iniciará o día 22 de decembro (sexta feira) ás 14:30h. (hora portuguesa), coa apertura do Mercadiño de Nadal (aberto durante os días da festa), xa ás 19h. terá lugar a cea de Nadal e ás 21:30h. comezará o ritual do Solsticio coa particpación con animación de rúa e a saída dos Caretos das Arcas, acompañados pola música de gaiteiros e por Toka a Bombar. Despois procederase ao acendido da fogueira, seguida de queimada e esconxuro. Despois, ás 22:30h. terá lugar o concerto dos grupos Galandum Galundaina e Xukalhos.

A xornada do 23 de decembro (sábado) ás 14:30h. comezará un desfile de Caretos e mascaradas, entre as que se espera contar con algunhas galegas como os Boteiros de Viana, o Entroido de Samede ou de Vilboa de Cobres (Pontevedra), así como con máscaras de Portugal. E tras un xantar de confraternización, ás 21:30h. actuarán Zíngarus e o Dj Gaiterinho.

 

Canto da misa en latín en Arcas.

 

Xa o 24 de decembro (domingo), ás 15h. haberá xogos tradicionais e ás 16h. principiarán as galhofas, un tipo de loita tradicional propia de Trás-os-Montes, que se define como un deporte de combate e que está considerada como a única loita corpo a corpo con orixes lusas. Tradicionalmente nela enfrontábanse os Caretos e os agarrantes e desenvolvíanse “nun curral aberto con palla”. “Este tipo de luta era parte de un ritual que marcaba o paso dos rapazes a daultos e tiña lugar durante a Festa dos rapazes”, segundo a información achegada polo presidente do Núcleo dos Costumes e Tradições das Arcas, Nelson Peixeiro. Ás 23:30h. acenderase a tradicional fogueira de Nadal e nada máis estrear a medianoite, a veciñanza acudirá á Misa do Galo na igrexa, onde poderá escoitare o cantar da misa en latín dos homes, a tres voces. E, seguidamente, volverán as galhofas.

 

Os Caretos empuxando o carro co “charolo” (ramo).

 

E no día de Nadal, 25 de decembro, ás 14:30h. farase a “ronda de boas festas” polas casas e adegas da freguesía, coa presenza dos Caretos das Arcas e de gaiteiros, xunto co ritual da recollida de viño e mel e, logo, galhofas. Ás 19:30h. será o xantar da “Sopa das Matanças”, seguida de queimada, esconxuro e galhofas.

Finalmente, o 26 de decembro, o día propio de Santo Estêvão, ás 11h. oficiarase a misa, tamén con cantar dos homes, e logo virá o ritual do transporte do charolo (un ramo tradicional elaborado con roscas) por parte dos Caretos, xunto co tradicional almorzo de confraternidade e, ás 14:30h. o “arremate do charolo”, servindo viño doce (con mel) e queimada.

Fotos: Núcleo de Costumes e Tradições de Arcas.

 

Arremate do “charolo”, parte final da celebración.

Artigos relacionados

Back to top button