EconomíaEconomíaOurenseÚltima hora

Clausura de EDUEMPRENDE no Polígono de San Cibrao

Este proxecto, que busca fomentar o carácter emprendedor e as futuras habilidades empresariais entre os máis xóvenes, contaba na súa segunda edición con 200 alumnos
Acto de clausura de EDUEMPRENDE.
Acto de clausura de EDUEMPRENDE.

Máis de 200 estudantes de secundaria de centros ourensáns vivían a súa primeira experiencia empresarial este ano da man da segunda edición do programa EDUEMPRENDE, que promove a Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas en colaboración coa Consellería de Educación. Eran escolares do Colexio Plurilingüe Divino Maestro, do CPI Virxe da Saleta (Cea), do IES de Maceda e do IES de O Couto. Entraban en contacto con empresas da provincia de avanzada tecnoloxía como Finsa Orember, Aspol, Rodríguez López Auto e Posada Marrón Glacé.

A clausura desta edición do programa tiña lugar na mañá do 17 de xuño no Salón de Actos do Edificio Multiusos da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas. Durante este acto o presidente desta asociación de empresarios, Elías Mera, sinalaba que a transferencia de coñecemento e a vinculación real entre empresa e universidade “comeza precisamente por actos sinxelos e por iniciativas de estímulo” como as de EDUEMPRENDE.

Este proxecto, que busca fomentar o carácter emprendedor e as futuras habilidades empresariais entre os máis xóvenes, ten logrado conectar ao alumnado da provincia co seu tecido produtivo mediante un ensaio anticipado da transferencia de coñecemento, sendo o punto de conexión entre centros educativos e empresas o Polígono de San Cibrao das Viñas, o parque empresarial máis
antigo de Galicia.

Neste senso, Elías Mera lembrou que este polígono conta cunha longa traxectoria como ponte inicial entre o sistema educativo e o tecido empresarial. “Nos anos setenta, empresas históricas dos sectores da madeira, da automoción, da siderurxia ou da alimentación, xa recibían ás delegacións de alumnos de moitos colexios da provincia. E corenta anos despois, mantéñense vivas as visitas empresariais, pero cun formato totalmente moderno e innovador”.

Na clausura de EDUEMPRENDE tamén participaba o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, quen louvou os resultados das dúas edicións deste programa. Este acto completouse coa entrega dos premios do primeiro concurso para escolares “Atrévete a ter unha idea”, no que os participantes tiñan que redactar, nun máximo de dous folios, a súa idea de empresa. Os alumnos premiados, entre once finalistas, foron:

‐ Jimena Salgado, do IES O Couto, polo traballo titulado “BCB”.
‐ Carmen Doval, do Divino Maestro, por “De porta a porta”.
‐ Lucas Hermida, do IES O Ribeiro, por “Grafenita”.

Premiados no concurso “Atrévete a ter unha idea”.
Premiados no concurso “Atrévete a ter unha idea”.

Fotos: cedidas pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button