CulturaCulturaÚltima hora

Comeza “Déixate guiar”, a campaña de visitas guiadas de verán na Pobra do Brollón

Publicidade
Visita guiada aos Conventos (A Pobra do Brollón)./ Foto cedida.

 

Neste xoves 15 de xullo vén de poñerse en marcha “Déixate guiar”, un programa de visitas guiadas para este verán promovido polo Concello da Pobra do Brollón. Nesta campaña ofértanse ata finais de agosto cinco visitas para coñecer o patrimonio natural, cultural e arqueolóxico deste municipio do sur da provincia de Lugo.

“Volvemos apostar un ano máis por un turismo respectuoso e de calidade, que acompañe iniciativas comunitarias como os proxectos arqueolóxicos de Cereixa, Vilachá ou Salcedo e que apoie a economía local” comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

As visitas vinculadas á arqueoloxía son tres: o Castro de San Lourenzo de Cereixa, Os Conventos en Vilachá de Salvadur e, como novidade deste ano, Penas do Castelo en Salcedo. Estas visitas divulgan as pescudas realizadas no marco dos seus respectivos proxectos de arqueoloxía en comunidade, incorporando datos e historias recollidos dos veciños. A visita a Os Conventos compleméntase moi ben coa das adegas tradicionais de Vilachá, onde os visitantes poden coñecer o lugar e o viño da man de adegueiros locais.

Por último, a visita a Cova das Choias en Óutara permite coñecer o musgo luminescente, as colonias de morcegos e máis os seres mitolóxicos que habitan o lugar. Trátase dunha visita de acceso limitado para protexer a flora e fauna da cova. Todas as visitas ofrécense baixo demanda, de mércores a domingo ás 11:00 horas, excepto a Cova das Choias que se ofrece unicamente sábados e domingos.

A reserva é obrigatoria nos teléfonos 650 624 828 (para Os Conventos, Adegas de Vilachá e Penas do Castelo) e 674 939 673 (para Cova das Choias e Castro de San Lourenzo).

Para máis información os interesados poden consultar a páxina web do Concello da Pobra do Brollón (www.concellodapobradobrollon.gal/gl/nova/déixate-guiar-visitasguiadas-de-verán-na-pobra-do-brollón).

 

Artigos relacionados

Back to top button