ConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa súmase á loita contra a violencia de xénero

O Pleno aprobaba unha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego

Un total de 43 mulleres (cifra oficial) asasinadas no que vai de ano en España polo simple feito de ser mulleres. 55 en Galicia dende o 2010, 13 delas no ano 2015. Son algúns dos datos que a concelleira do BNG e tenente de alcalde do Concello da Rúa María G. Albert, daba ao Pleno na tarde do 6 de novembro, para presentar a moción que o seu grupo político presentaba sobre a violencia de xénero. Unha moción aprobada por unanimidade con tres propostas concretas: Instar á Xunta de Galicia a avanzar na concreción do Pacto galego contra a violencia machista que foi acordado por unanimidade polo Pleno do Parlamento o 25 de xaneiro de 2017 e comezar por destinar o 1% dos orzamentos para o 2018 á prevención e loita contra as violencias machistas; instar á Xunta a cumprir e avaliar o grao de cumprimento da normativa recollida no Decreto lexislativo do 2015 polo que se aprovaba o texto que refundía toda a lexislación neste campo; e comprometer o apoio desta corporación municipal ás mobilizacións locais e nacionais que se van desenvolver polas distintas organizacións feministas contra a violencia machista durante todo o ano.

O voceiro popular, Avelino García Ferradal, asegurou que “é un tema co que non podemos estar en desacordo, no seu momento fixeramos o Plan de Igualdade e estou dacordo en que as mortes son a punta do iceberg e todos debemos condenar”. A socialista Ana Vizcaya pola súa banda, manifestou en nome do grupo socialista “o noso máis firme compromiso coas mulleres vítimas da vilencia de xénero, un compromiso que ten que ser activo, día a día e todo o ano”. Vizcaya explicou que para contribuír a erradicar a violencia de xénero precísanse “medidas políticas e institucionais dende os diferentes ámbitos, que aborden o problema de maneira integral e sexan capaces de dar resposta ás necesidades específicas das mulleres vítimas e dos seus fillo”, algo que non será posible “se non se establecen os mecanismos de comunicación necesarios entre as diferentes Administracións e Institucions con responsabilidade na materia, pero tampouco se poderá avanzar se non se dotan ás distintas Administracións, dos recursos económicos e de persoal especializado adecuado”.

Ademais deste, o pleno aprobaba outros puntos, como a modificación de créditos por un importe de 55.000 euros; os festivos locais para o ano 2018 (6 e 20 de agosto); e a moción do PP para “apoiar as forzas e corpos de seguridade do Estado como garantes de Estado de dereito”. Sobre a mesa quedaron outros dous temas: traballar sobre o proxecto para intentar solucionar os problemas de acceso no barrio de A Lastra; e o cobro dos trienios por parte do alcalde pola súa condición de docente. No pleno a portavoz do BNG afirmou coincidir “nun 90 %” coas críticas que o PP recolleu nunha moción. Despois de case media hora de explicacións e réplicas, decidían deixar para a elaboración do presuposto municipal de 2018 o debate da inclusión dunha partida con este concepto.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button