ConcellosQuirogaÚltima hora

Concentración en Quiroga polo Día Internacional da Violencia contra as Mulleres

 

Quiroga conmemoraba o Día Internacional da Violencia contra as Mulleres cunha concentración diante da casa consistorial neste 25 de novembro. “Co fin de fomentar unha convivencia baseada no respecto e na igualdade”, a área de igualdade do Concello convocaba este acto no que unha emocionada concelleira de Educación e Igualdade, Mayte Pérez Grao, desexaba “que nun futuro non haxa que conmemorar ningún 25 de novembro, colocándonos todos e todas baixo o mesmo paraugas contra a violencia machista”.

Dende o Concello de Quiroga amosábase así “o rexeitamento máis unánime contra a violencia contra as mulleres en calquera das súas manifestacións, non admitindo ningún tipo de xustificación. Facendo un sólido compromiso para seguir traballando na erradicación de todas as formas de violencia machista e avogando por políticas activas para construír unha sociedade máis xusta  e segura para todas as persoas, con independencia do seu xénero”.

 

 

Mayte Pérez Grao tamén pedía enerxicamente que “entre todos e todas fagamos unha Quiroga na que este tipo de conductas non teñan cabida”. A concentración remataba cun minuto de silencio polas 1.237 mulleres que foron asasinadas  en España dende o ano 2003, 52 delas neste 2023, deixando a 49 nenos e nenas orfos.

Esta xuntanza formaba parte dos actos que dende o Concello de Quiroga se organizaron con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres. Entre os actos celebrados por esta causa tamén se atopaba un obradoiro “ O Consentimento”, que se desenvolvía o venres pola mañá no CEIP de Quiroga; e a charla informativa sobre as agresións sexuais e a violencia sexual que se desenvolverá o luns no IES de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button