Cita coa palabra nas súas diversas manifestacións a partir do vindeiro mércores 1 de xullo no Barco. A poetisa de orixe valdeorresa Tamara Andrés abrirá o pano do VIII De Perto ás 20:30h. no Xardín da Casa Grande de Viloira coa proposta “O bosque e a danza”.
Será a primeira das seis actuacións dunha edición especial, xa que estará condicionada polas medidas de seguridade e recomendacións fronte ao Covid. Así, nesta ocasión todos os espectáculos terán lugar no Xardín da Casa Grande de Viloira, onde se acotará un recinto cun aforo limitado a cen persoas. E será obrigatorio para os asistentes acudir con mascarilla.
Despois da poesía será a quenda da palabra contada. Así o 3 de xullo, o coñecido cantante, acordeonista e escritor Xurxo Souto que desta volta aposta pola narración oral con “Océano para terrícolas”.
A palabra rimada volverá o 8 de xullo da man de Samuel L. París con “Hecatombe”, mentres que o 10 de xullo Momi Ogalla (presente xa na anterior edición de De Perto) volta con Victoria Siedlecki para compartir co público valdeorrés as súas “Historias que vinieron del mar”.
A seguinte cita do programa é a do trío formado polas narradoras orais Carmen Conde, Vero Rilo e Ángeles Goás co espectáculo “Divas de diván”, previsto para o mércores 15 de xullo. Ademais o 17 de xullo poderá desfrutarse da cantante Faia coa actuación titulada “Ao Cabo Leirín”.
O oitavo “De Perto”, que organiza a Concellería de Cultura do Barco, completarase da man dun trío de recoñecidos contadores, que xa estiveron en varias ocasións neste ciclo barquense: Celso Sanmartín, José Luis Guitérrez (Guti) e Quico Cadaval. Desta volta fanno xuntos e co espectáculo “Tres vellas (polo menos)”.