SanidadeÚltima hora

Crearase unha unidade multidisciplinar poscovid en cada unha das 7 áreas sanitarias galegas

Comezarán a funcionar neste mesmo mes estarán compostas por un equipo de profesionais de diversas disciplinas, segundo vén de anunciar o presidente da Xunta

Reunión deste xoves do Consello da Xunta.

 

A posta en marcha dunha unidade multidisciplinar poscovid en cada unha das 7 áreas sanitarias galegas para proporcionar unha atención e recuperación e de calidade a todos os afectados pola Covid-19. Así o anunciaba o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión deste xoves do Consello da Xunta.

Estas unidades, que comezarán a funcionar neste mesmo mes estarán compostas por un equipo de profesionais de diversas disciplinas, nas que o núcleo duro estará conformado por especialistas en medicina interna, neumoloxía e enfermería con función de xestión de casos e consulta de coidados específicos, segundo adiantaba Feijóo.

En relación ao seu funcionamento, o titular do Goberno galego explicou que, no caso dos pacientes ingresados, unha vez que reciban a alta serán chamados no prazo de 7 días para realizar unha primeira valoración clínica post-alta e concertar unha cita hospitalaria, e no caso de pacientes que non requiriron ingreso, deberán pedir cita no seu médico de familia no caso de padecer sintomatoloxía persistente.

Nese sentido, lembrou que en Galicia 115.000 persoas padeceron a enfermidade e delas en 1 de cada 10 os síntomas poderían prolónganse no tempo máis de 12 semanas, de acordo coa evidencia científica actual.

Ao longo da súa intervención o presidente da Xunta tamén subliñou que as ditas unidades darán soporte aos profesionais de atención primaria nunha relación de coordinación que quedará definida en tres circuítos. O primeiro, para pacientes que non foran ingresados e para os doentes aos que a unidade lles deu a alta. O segundo, para os que si ingresaron e foron monitorizados por esta unidade ata que foron derivados á primaria. E, por último, o terceiro para os pacientes que foron derivados xa desde primaria.

Ademais, sobre este punto, Feijóo salientou que para os casos máis complexos constituiranse comités compostos por distintos especialistas para realizar o seu seguimento. “Estas unidades van axudar a recuperar os pacientes, pero tamén darán un mellor coñecementos dos efectos persistentes despois da covid”, indicaba.

Artigos relacionados

Back to top button