OurenseÚltima hora

Cruz Vermella premia aos voluntarios no seu XXIII Encontro de Voluntariado en Galicia, en Ourense

Entre os galardoados tamén había persoas da comarca de Valdeorras

 

O voluntariado é un dos piares fundamentais de Cruz Vermella. Co obxectivo de poñer en valor o seu labor, a cidade de Ourense acollía neste sábado 9 de setembro o XXIII Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, coa presenza de máis de 260 voluntarios procedentes das asembleas provinciais, comarcais e locais das catro provincias galegas.

No acto inaugural, que tivo lugar no Teatro Principal de Ourense, estiveron presentes Mercedes Casanova Díaz, presidenta autonómica de Cruz Vermella; Felipe Ferreiro Feijóo, presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense; Luis Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense; Tamara Silva Cid, concelleira de Impulso educativo, Xuventude, Voluntariado e Promoción económica do Concello de Ourense; e Gabriel Alén Castro, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense.

Tras o saúdo institucional, Cruz Vermella realizou a entrega de recoñecementos ao voluntariado desta edición, concedendo un total de 26 diplomas que distinguían a acción voluntaria, un diploma de honra, dúas medallas de bronce e seis de prata.

– Medalla de Prata: Luisa Añón Buño, Antonio Trelles Expósito, Daniel Domínguez Campos, Carmen Gómez Vaamonde, Maximino Alonso Alejandre e Miriam Oliva Rodríguez Martínez (Miriam Centro de Danza).
– Medalla de Bronce: Manuel Campos Taboada e Clodomiro Montero Centrón.
– Diploma de Honra: Francisco Novoa Rodríguez (Academia Postal).

– Diploma de Recoñecemento á Acción Voluntaria: Cecilia Bello Rodríguez, José Cerdeira Domínguez, Andrea Álvarez Gómez, Mª Rosa Rodríguez Álvarez, Clemencia del Valle Rivas Villaroel, Nelly María Perdomo Chávez, Nancy Margarita González Capote, Mª del Carmen Cid Gallego, Pilar Fernández Conde, Julián Guijarro Rivas, Luis Alfonso Rodríguez, Ángela Grande Fernández, Luis Eduardo Riobueno, Avelino Colmenero Feijóo, Mª Soledad Ruido Pérez, Valentina Isabel García Tello, Jose Porfirio Soares Ribeiro, José Antonio Vázquez Vázquez, Manuel da Silva Morgade, Mª de Lourdes Ramos López, Aurora Dacal Blanco, Ana Cid Cid, Mª Belén López Rodríguez, Roi Juan López Muriel, Cidalia da Gloria Cardoso Gonçalves, Mª Antonia Fernández Astiaso.

O presidente da Deputación, Luis Menor aproveitou para dar os parabéns a todas as persoas homenaxeadas, que “dannos unha lección de xenerosidade e solidariedade que, hoxe, ten o seu merecido recoñecemento”. Luis Menor fixo un repaso á historia da Cruz Vermella en Ourense, moi vencellada á da Deputación, tanto así que esta entidade social foi fundada o 21 de outubro de 1893 no salón de plenos da institución provincial e ocupou locais cedidos pola Deputación ata 1996, data do seu traslado á sede actual. O presidente ratificou o compromiso da institución provincial con este organismo, “cooperando desde sempre e como así seguirá sendo”.

 

XXIII encontro de Voluntarioa da Cruz Vermella de Galicia no Teatro Principal de Ourense. Participan Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación de Ournese), Felipe Ferreiro Feijoo (Presidente da Cruz Vernella en Ourense), Gabriel Alen Castro (Delegado da Xunta en Ourense), Mercedes Casanova (Preside ta da Cruz Vermella en Galicia), Tamara Silva (Concelleira de Voluntariado do Concello de Ourense) e voluntarias e voluntarios de Galicia.

 

Repasou tamén o traballo desenvolvido por ambas institucións, “con moitos puntos en común” como a intervención social en favor das persoas e colectivos máis desfavorecidos”. Neste sentido citou os programas e servizos dirixidos aos concellos de menos de 20.000 habitantes baixo o principio da cooperación, entre eles o BenOurense Infancia, o Servizo de Axuda no Fogar, a Teleasistencia 24 horas ou o Plan provincial contra a Soidade non desexada.

Por último, o presidente da Deputación quixo expresar o seu sincero agradecemento aos voluntarios polo seu traballo, aos que asegurou máxima colaboración desde a institución provincial e dos que dixo “sodes imprescindibles”.

O Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia é unha cita anual na que se recoñece o compromiso coa acción voluntaria, pero ademais serve para reflexionar sobre o seu papel na sociedade actual. Por este motivo, a xornada incluíu unha mesa redonda para falar de “Novas formas de voluntariado ante a emerxencia”, coa presenza de tres persoas voluntarias da área de coñecemento de Socorros. Así, un representante do dispositivo especial que Cruz Vermella ten no Camiño de Santiago, outro dos Equipos de Resposta Básica en Emerxencias e o terceiro en representación dos Equipos de Resposta Inmediata en Emerxencias afondaron sobre o importante papel que o voluntariado ten nestes proxectos e na área de Socorros de Cruz Vermella en xeral.

Esta xornada contou tamén coa actuación da violinista Rosa de la Vega e dunha representación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que puxo fin a un acto inaugural dun Encontro de Voluntariado que permitiu, tras catro anos de parón pola pandemia da Covid-19, compartir experiencias entre as persoas voluntarias da Organización e que participan activamente nas diferentes áreas e proxectos de Galicia.

Xa pola tarde, o voluntariado tivo a ocasión de coñecer o centro histórico de Ourense, a través dunha visita guiada cultural a espazos de interese turístico da localidade.

Artigos relacionados

Back to top button