EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Curso de inglés comercial aplicado ao sector do viño, en Leiro

Programado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria dende o vindeiro martes 26 de outubro, ten previsto desenvolverse na Estación de viticultura e enoloxía de Galicia, cun total de 60 horas lectivas distribuídas en 25 xornadas

Foto: Carlos G. Hervella.,

 

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar na Estación de viticultura e enoloxía de Galicia (Evega), no concello ourensán de Leiro, un curso de inglés comercial aplicado ao sector do viño. Programado entre o martes 26 de outubro e o luns 29 de novembro, pretende ser unha formación a medida cun total de 60 horas de duración distribuídas en 25 días.

Coa iniciativa búscase dotar os participantes de ferramentas útiles que poidan ser postas en práctica en procesos de internacionalización de viños galegos, tanto en accións de promoción como en negociacións con posibles clientes foráneos. Así mesmo, perséguese axudar aos profesionais dos departamentos de internacionalización das empresas galegas do sector vitivinícola a realizar unha correcta comunicación oral e escrita en inglés.

Nesa liña, no programa constan contidos que van desde os aspectos culturais dos países de fala inglesa, ás denominacións de orixe, ás distintas rexións vitivinícolas ou aos diversos tipos de consumidor. Tamén se abordarán as marcas como ferramentas de venda, as novas tecnoloxías para chegar aos mercados internacionais e as estratexias de posicionamento. Ao tempo, explicarase a terminoloxía inglesa relacionada coas catas, cos viñedos ou cos procesos de fabricación do viño, transmitindo habilidades para organizar eventos en inglés ou para levar a cabo técnicas de negociación. Todas as unidades inclúen casos prácticos para estimular o desenvolvemento de habilidades de expresión e comunicación.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Os interesados en acudir poderán cubrir a solicitude pertinente que atoparán no seguinte enlace (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021) e remitila cuberta ao enderezo electrónico maria.j.gonzalez.gonzalez@xunta.es. Se queren solicitar calquera información adicional, poderán chamar ao teléfono 981 540 062.

Artigos relacionados

Back to top button