ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

David García Pérez, talento vilariñés na NASA

Este xove enxeñeiro aeroespacial, con orixes paternas en Sabuguido (Vilariño de Conso) e maternas en Vilariño (Pereiro de Aguiar), espera poder reincorporarse ao proxecto de mobilidade aérea urbana no que estaba traballando ata agora nos Estados Unidos

 

Hai seis meses o enxeñeiro aeroespacial David García Pérez incorporábase no centro de investigacións Ames da NASA en Mountain View (California) para traballar como becario nun proxecto sobre Urban Air Mobility (Mobilidade Aérea Urbana). “É toda unha experiencia”, destaca este xove investigador de Vilariño (Pereiro de Aguiar) e cuxo pai é natural de Sabuguido (Vilariño de Conso). Precisamente na pasada fin de semana visitaba á súa terra paterna, acompañado polos seus pais, e era recibido no Concello pola alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, quen lle entregaba un agasallo e pedíalle que “nunca te esquezas das túas raíces, é o máis importante”.

Tras finalizar a súa formación na Universidade Politécnica de Madrid, David García Pérez facía dous anos de master e as prácticas do meso levábano directamente aos Estados Unidos, xunto a outros tres compañeiros. O proxecto no que traballan busca desenvolver alternativas á actual conxestión do tráfico nas grandes cidades a través da mobilidade aérea. “O proxecto trata de deseñar taxis que voen nas cidades para mellorar a conxestión do tráfico e tamén o uso de novos vehículos como drons para o reparto da paquetería. Cidades como Nova York soportan hoxe moitísimo tráfico e no momento actual de cambio climático, pois a maoiría deses vehículos non son coches eléctricos, entón o que se busca é unha posibilidade de que as persoas viaxen usando motores eléctricos ou híbridos para limitar o impacto medioambiental e ademais aforrarlles tempo”, comenta.

 

David García Pérez, na entrevista concedida ao Periódico O SIL en Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Este proxecto está aínda nunha fase preliminar e a idea deste enxeñeiro ourensán era reincorporarse ao equipo para continuar, alomenos, un ano máis, pero a pandemia do Covid complicou a situación. “Cando acabei os seis meses de prácticas os meus supervisores plantexáronme renovar por un ano máis, pero atopámonos con esta situación. Estou en contacto con eles e comentánme que están poñendo en marcha todo o procedemento para poder regresar. Outra posibilidade que estamos valorando é a de que poida teletraballar, iso non estaría de todo mal porque alí os prezos da vivenda son moi caros”, comenta sorrindo David Pérez.

Na súa zona da bahía de San Francisco onde residía ata agora “hai localidades que son moito máis pequenas que a cidade de Ourense, pero con numerosas empresas xigantes. En Mountain View, onde estaba eu, está a sede de Google, ademais da da Nasa. Alí cerca tiñamos Facebook, ao lado Apple…”. Este ourensán confia en que nesta semana poida aclararse un pouco máis a súa situación e gustaríalle volver aos Estados Unidos cando menos “un par de anos máis” para mellorar a súa experiencia e logo iniciar outros proxectos.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button