
“Hai persoas que veñen ao mundo co precinto de especial, de única. A Dosinda e o Camilo, o Vimbio, formaban un matrimonio desigual, pouco común”. Deste xeito entra o lector na primeira das dez historias de “A luz da chuvia” (Toxosoutos, 2019), o novo libro dos ourensáns Delfín Caseiro e Antón Jardón, membros do Padroado do Museo da Limia e colaboradores co Centro de Cultura Popular da Limia na edición da revista Lethes.
Eses dez relatos están poboados por singulares e sorprendentes personaxes que retratan un rural de tempos pasados, cun ritmo vital moi diferente e cunha estreita e crucial relación coa terra. Esta obra, que inclúe tamén ilustracións de Antonio Feijoo, presentarase no Barco o vindeiro 24 de xaneiro ás 20h. na Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán.
Os autores estarán acompañados polo técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo, e pola música e a voz do cantautor valdeorrés Anxo Rei.