ConcellosÚltima hora

A Deputación aproba as bases para axudas en Servizos Sociais e Natalidade

En total destinarán 300.000 para asociacións que realicen proxectos no eido social e destinarán 300 euros por cada neno nacido a partir do 1 de xaneiro do 2018
Montserrat Lama.

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, na xuntanza celebrada hoxe, 1 de decembro,  as bases reguladoras para concursos públicos para a concesión de axudas para proxectos de prestación de Servizos Sociais e fomento da natalidade na provincia. Así o anunciou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama en rolda de prensa. 

No eido das bases do concurso para a prestación de servizos sociais regulan a tramitación e concesión de axudas destinadas a organizacións, asociacións e fundacións que realicen proxectos na provincia no 2018. Esas bases divídense en proxectos e actividades de emerxencia social, proxectos e actividades de prestacións de servizos sociais e proxectos de conciliación e reactivación sociodemográfica na provincia. En total, a Deputación ten un orzamento máximo de 300.000 euros e as axudas serán dun máximo de 25.000 euros para emerxencia social; 15.000 euros para prestación de servizos sociais e de 10.000 para proxectos de conciliación. Asemade, estes importes, explicou Montserrat Lama, poderanse verse incrementados nun 20% no caso de que o proxecto subvencionado sexa presentado por dúas ou máis entidades.

O prazo de presentación das solicitudes, que se tramitarán por vía telemática, será dun mes a partir do día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

En canto ao concurso para a concesión de axudas para o fomento da natalidade da provincia de Ourense, o Programa ChegOU 2018, a Deputación de Ourense destina un máximo de 400.000 euros para financiar as axudas das que poden ser beneficiarios o proxenitor, titor ou adoptante dun neno menor dun ano, nacidos entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2018, que se inscriba nalgún rexistro civil da provincia de Ourense sempre e cando cumpra os seguintes requisitos: figurar empadroado nalgún concello da provincia á data da solicitude da axuda e ter unha antigüidade no empadroamento na provincia, polo menos, de un ano ininterrompido e inmediatamente anterior ao 1 de xaneiro de 2018.

Cada neno nacido, tutelado ou adoptado dará dereito a unha única axuda a favor do solicitante. A axuda terá un importe de 300 euros por neno.

As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á publicación destas bases no BOP e ata o 31 de decembro de 2018, aínda que o prazo prolongarase ata o día 15 de xaneiro de 2019 no caso de que o nacemento, resolución da adopción ou titorización, tivera lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2018, dixo Lama.

As persoas beneficiarias da axuda recibirán no enderezo a súa tarxeta electrónica, a tarxeta “chegOU”, a cal unha vez activada, poderá ser empregada só en farmacias e parafarmacias para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios e/ou de saúde relacionados co neno, estando activa a tarxeta ata o mes de febreiro de 2019.

Cooperación 

En materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou un total de 325.368 euros en axudas para temas de deporte, cultura e infraestruturas. Por unha banda, aprobou unha axuda de 3.000 euros para a Federación Galega de Balonmano para a escola deportiva 2017 e, para a Diocese de Ourense aprobou unha axuda de 20.000 euros para a reparación da cuberta do templo de Santa María de Tamaguelos.

Asemade, ratificou o convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, con data 22 de marzo de 2017, para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense, por importe de 220.000 euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button