ConcellosÚltima hora

Descobren un poboado do Neolítico na serra do Moncai (Terra de Lemos)

A prospección magnética realizada na intervención arqueolóxica do pasado verán revela parte dunha estrutura semicircular situada a uns 20 metros ao sueste do cairn da Muradella, entre os concellos de Monforte e da Pobra do Brollón

Recreación do asentamento xunto ao cairn da Muradella./ Imaxe: Proxecto A Muradella.

 

A Serra do Moncai ou de Fornelas, situada entre os concellos lucenses de Monforte de Lemos e Pobra do Brollón, segue deparando sorpresas arqueolóxicas. Ademais da escavación e datación do sitio da Muradella, que revelaba que se trata dun dos monumentos megalíticos máis singulares de Galicia (realizado entre o 2900 e o 2700 antes de Cristo), o equipo de investigación que interviña o pasado verán neste xacemento vén de dar a coñecer que a prospección magnética levada na súa contorna revela uns resultados en grao sumo prometedores: os restos dun poboado do Neolítico.

Esta técnica xeofísica usa as diferenzas no magnetismo das estruturas enterradas para detectalas e plasmalas nun plano sen a necesidade de escavar. Deste xeito, os investigadores, grazas aos labores do técnico do INCIPIT (CSIC) Carlos Otero, puideron descubrir parte dunha estrutura semicircular situada a uns 20 metros ao sueste do impoñente monumento da Muradella.

 

Imaxe: Proxecto A Muradella.

 

“Este tipo de construcións adoitan estar vinculadas a lugares de asentamento do Neolítico final e Calcolítico, no III milenio a.C. En concreto, este descubrimento podería tratarse de parte do foso perimetral do poboado, que faría as veces de defensa e de limitador da contorna doméstica. Existen varios exemplos deste tipo de xacementos por toda a Península Ibérica e Europa que, ademais, na área galega adoitan estar vinculados a contornas megalíticos, como nos casos de Cartas de Vilar 4 ou Saídos das Rozas, ambos en Pontevedra”, tal e como se indica dende o equipo de investigación, que dirixe o arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo.

No caso de manter a súa tendencia circular, o foso chegaría a alcanzar os 40 metros de diámetro e estaría reforzado por un noiro coroado, hipoteticamente, por unha empalizada de troncos de madeira. “Esta liña de estruturas serviría de separación física entre o interior do asentamento, onde se realizarían os labores domésticos, e o exterior do mesmo, onde se atoparía o mundo salvaxe, non controlado polos seus poboadores”, continúan os investigadores.

Ademais, o emprazamento do asentamento é interesante por dúas cuestións fundamentais. “A primeira é a súa localización na zona sueste do cairn da Muradella, unha orientación cunha especial significación no megalitismo, particularmente no do noroeste peninsular. E a segunda, é a súa proximidade a terras de labor con chans lixeiros que permitisen o cultivo cunha tecnoloxía aínda baseada na madeira e a pedra. A proba do potencial uso cerealístico da contorna é que foi utilizado para iso durante gran parte do século pasado, como pode verse nas fotos dos voos que os americanos realizaron nos anos 50″, explican.

Con isto o equipo dirixido por Rodrigo Paulos Bravo abre unha nova porta que permitirá afondar no coñecemento dos poboadores do Neolítico final na Terra de Lemos. Dito labor científico non se podería levar a cabo sen o asesoramento e a axuda do descubridor do xacemento, o arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa, Xurxo Ayán, e o apoio das asociacións de veciños “María Castaña” da parroquia de Cereixa e “Fonte dá Freita” da parroquia de Fornelas.

 

Imaxe: Proxecto A Muradella.

Artigos relacionados

Back to top button