
Os resultados das últimas investigacións arqueolóxicas realizadas no xacemento prerromano do Castrillón (Larouco) daranse a coñecer nun acto público previsto para o vindeiro sábado 15 de abril ás 11:30h. no salón de actos deste municipio.
Será unha nova oportunidade para descubrir as singularidades deste impresionante castro, que se caracteriza polo seu monumental sistema defensivo, e onde este ano se desenvolverá un novo campo de voluntariado ambiental e arqueolóxico que se está a desenvolver nel.
No 2020 localizábase no Castrillón unha cabana rupestre e un pequeniño anaco de carbón que lles ía permitir aos arqueolólogos de Xeitura Coop. Gal. datar o xacemento. E no 2021 a localización dunha ola enterrada no chan o convertíao nun xacemento único en Galicia porque este tipo de enterramentos en urna dentro de cabanas rupestres non existe na comunidade.
Así, baixo o pavimento dunha vivenda castrexa rescataron unha ola típica do fin do mundo dos castros que fora enterrada e tapada cunha lousa. Unha práctica propia do final da Segunda Idade do Ferro que reincidía na datación xa adiantada na campaña de 2020.
A segunda campaña arqueolóxica, impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello no xacemento do Castrillón sacaba ademais á luz unha cabana rectangular de aproximadamente 30 metros cadrados, dentro da cal aparecía a ola. Trátase do resultado duns traballos que buscaban definir a antigüidade, dimensións e estrutura deste poboado fortificado da Idade do Ferro.