ConcellosO BarcoÚltima hora

A importancia de impulsar a participación cidadá na xestión do Barco revélase na enquisa da Axenda Urbana

Os seus resultados dábanse a coñecer esta tarde nun acto público celebrado no edificio multiusos da vila

 

Os resultados da enquisa que se vén realizar no Barco con respecto ao proxecto para dotar a esta vila de Axenda Urbana dábanse a coñecer esta tarde nun acto celebrado no salón de actos do edificio multiusos. Os encargados de expoñelos eran os membros do equipo redactor deste proxecto, que eran presentados polo alcalde do Barco, Alfredo García, quen incidía en que este documento vai permitir que o Concello poida solicitar fondos europeos nunha liña de axudas que se espera sexa convocada proximamente. “A Axenda Urbana vai marcar os obxectivos deste municipio que se plantexen para o 2030 en materia de desenvolvemento sostible”, dicía, asegurando que o primeiro para preparar esta iniciativa era a participación cidadá coa devantida enquisa e coa divulgación dos seus resultados.

García cualificaba de éxito a participación na enquisa online, que realizaban máis de 400 persoas, “algunhas do Barco e outras de fóra”. Así do total de enquiados, o 78% reside no núcleo do Barco, e o 40% ten entre 35 e 40 anos.

 

 

Entre as cuestións que revelaba este traballo está o feito de que o 66,67% das persoas enquisadas consideran “moi importante impulsar a participación cidadá” na xestión cotiá e un 27,24% “algo importante”. En materia de valoración de aspectos territoriais e ambientais, as persoas que contestaban destacaban a importancia de desenvolver políticas forestais e de prevencion de incendios, así como facer máis viable o transporte ferroviario e mellorar a conectividade do Barco con outras localidades, así como a comunicación entre os núcleos rurais do concello e a vila.

Tamén plantexan os cidadáns a necesidade de apoiar ás empresas do sector primario no municipio, de atender ao envellecemento con máis servizos e de promover a ubicación de proxectos industriais, entre outras cuestións.

Este proceso de participación cidadá servirá para elaborar as liñas estratéxicas da Axenda Urbana, e serán a base para a definición das actuacións recollidas no Plan de Acción.

As persoas interesadas en facer chegar as súas suxerencias ao equipo redactor pódeno facer no correo comunicacionaxendaurbana@gmail.com.

Artigos relacionados

Back to top button